«Queremos que a xente o pase ben coa nosa música e lles chegue directamente ao peito», di sobre o concerto de mañá
08 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O Festifolk 2016 -mañá- pecharase con Pepe Vaamonde grupo, formación liderada por Pepe Vaamonde, compositor, gaiteiro e flautista, e Pipo Alvariño, arreglista e guitarrista. Pasarán por Carballo para presentar o seu último traballo Nas pedras do Lar. Os outros compoñentes da banda son Jesús Vidal (baixo), Miguel Anxo López (percusión) e Miryam González (acordeón).
-¿Veñen con ganas?
-Pois si, moitas. Penso que o Festifolk é un festival moi bonito, tamén desde o punto de vista de que vexo que está moi involucrado coa xuntanza de gaiteiros, e eu como gaiteiro síntome partícipe e con ganas de dalo todo.
-Nesta actuación presentan Nas Pedras do Lar, traballo que pecha unha tetraloxía dedicada aos catro elementos naturais: auga, vento, terra e por último lume. ¿Como xurdiu esta idea?
-A idea de facer unha tetraloxía era un pouco por traballar nun proxecto que non fose só dun disco, que fose máis a longo prazo. Deste xeito tiñamos ese obxectivo de facer catro discos. E este é o derradeiro, realmente chegamos ata aquí, fixemos este traballo. É un traballo pensado dende a música de raíz, pero fusionada con outros estilos, aínda que pouco, porque eu penso que para innovar con mover unhas pouquiñas cousas é suficiente. E nesta idea, todas as composicións instrumentais son composicións propias, e despois traballamos con temas cantados que son máis tradicionais.
-¿Por que estes catro elementos tan esenciais?
-A música folk sempre está moi enraizada coa natureza, é unha música nosa pero moi vencellada á terra.
-Se tivera que escoller un destes elementos, ¿cal sería?
-Dende logo, a terra ou o lume, porque son un pouco os dous últimos traballos que fixemos e creo que están un pouco máis traballados. E tamén poden enraizar máis co que é a nosa música de raíz. A terra é obvio, porque podes traballar moitos temas tradicionais dende un punto de vista máis puro, e o lume porque me gusta compoñer moito nos meus discos, que a maioría sexan composicións propias, e para iso tes que empaparte en algo para despois tratar de lograr esa creatividade que despois moitas veces vén de limitar atmosferas ou ambientes...
-¿Que lle diría vostede a todos os que teñen pensado ir ao concerto de mañá?
-Que a parte de presentar o disco Nas Pedras do Lar, imos tamén facer outros temas, e que o pensamos máis como un concerto en directo. Somos un grupo que nos gusta o directo, queremos que a xente o pase ben coa nosa música e lles chegue directamente ao peito.