As penas e as alegrías viñan hai non moito tempo por carta. Documentos a man que deixaban constancia de mortes, de novas vidas, de amores acesos, de historias da emigración. Aquelas letras identitarias tiñan moito máis interese que os mail de agora. As letras de hoxe ocupan todas o mesmo, son iguais, xa non hai liñas torcidas cara o final do papel, cando os dedos van cansos ou cando o asunto se tensa. Nin bágoas que traspasen a pantalla do ordenador. Moita información e pouca comunicación. Hai na Costa da Morte traballadores deste sector que ben merecían o recoñecemento de fillos, de parellas, de moitos avós e pais. Carteiros e carteiras do rural que saben de memoria o nome dos inquilinos de cada casa, o número que está errado, o lugar exacto onde deixar as misivas: debaixo da alfombra, entre unha porta a outra, nalgún burato... ¿Quen lles dará relevo? ¿Perderase algunha carta importante? O asunto dá para novelas e incluso para personaxes que rexeitaron aprender a ler por medo a recibir as malas novas vía escrita. Unha multa, unha chamada ao exército. Na liña da evolución, non hai moito que Correos ata puxo en marcha unha web específica para peregrinos, facendo dos carteiros da Costa da Morte guías e asesores de lugares. Existe quen vive sen un recuncho fixo, e no Camiño hai moitas historias. Seis anos atrás, un home de esmola ensinoume á porta do santuario do Cebreiro unha ducia de cartas que levaba anos escribindo e gardando para súa irmá. Todas co seu sobre, pechadas, con destino e remitente. O diñeiro que lle daban sempre tiña outra prioridade máis básica (e prexudicial) antes que os selos. Ese día mandámolas todas xuntas. Oxalá un bo carteiro do rural levase a aquela casa os centos de liñas de tantos días. É bo confesarse nas letras.