«Non podemos fallar fronte ó Choco, a pesar da dificultade do rival»

CARBALLO

JOSE MANUEL FERREIRO

Os adestradores están convencidos de que conseguirán eludir as catro últimas prazas no último tramo da liga

10 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio cambón e José Antonio Molk Técnicos do Bergantiños

José Antonio Cambón Gómez (Carballo, 1954) e José Antonio Rodríguez Molk (Carballo, 1972), tándem técnico do Bergantiños, móstranse optimistas neste tramo final da temporada na Terceira División, pero preocupados pola responsabilidade de sacar ao equipo dos catro últimos postos de descenso directo. Hoxe (17.00 horas) o equipo recibe ao Choco, terceiro na clasificación.

-É un encontro complicado.

-(Cambón) Non podemos fallar fronte ó Choco, a pesar da dificultade do rival. É outra final máis que temos que afrontar ata a última xornada de liga. Pero sabemos que temos que gañar se queremos chegar a esa meta.

-¿É o Choco o adversario máis complicado neste final de liga?

-(Molk) Está claro. O Choco é un dos equipos que loita polas prazas de play off e ten moito potencial, con un Hugo Sanmartín como referente en ataque. O que temos que ter claro é que debemos evitar os errores propios e facernos fortes en defensa.

-¿Está decidido o equipo?

-(C) Todos os xogadores están convocados, como facemos ao longo da temporada. Posiblemente se repita o mesmo equipo que gañou en Barbadás. Pero temos dubidas con Aarón ou Josito e Denis ou Pardavila. O resto do once será Cristopher; Borja Facal, Álex Sánchez, Padrón, Moreira, David García, Toni, Roberto Piñeiro e Álex Pérez.

-¿Que será determinante para un marcador favorable?

-(M) Temos que ter intensidade nos 90 minutos e moita concentración. Estar atentos a xogadas a balón parado. O equipo está con moral, en cada adestramento segue mostrándose confianza e temos claro o que facer.