Poucas cousas hai máis eternas ca uns bos versos. A poesía é o combustible intelectual que vén movendo o motor cultural da humanidade dende hai milenios. Dende a Iliada pasando pola Eneida, seguindo por Berceo, os autores das Cantigas de Amigo, Rosalía, Pondal, Machado ou Lorca ata Manuel María, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, as persoas, independente do seu grao de formación, foron formándose a súa banda poética, os versos da vida de cada quen. Uns lembran os dun a autor, outros gardan na súa memoria os doutro. Cada un segundo as pegadas que lle foron deixando na alma. E non fai falta ser doutor nin sabio. A poesía é algo que flúe pola sensibilidade independentemente do saber e da posición social. Hai uns días, o dolmen de Dombate e a ribeira baixa do Anllóns convertéronse nunha especie de Parnaso atlántico no que a literatura cobrou vida coa presenza de autores chegados de moitos lugares para pór en común as súas letras. Moitos deles levaban o zoar da Costa da Morte nas súas entrañadas creativas. Así é que ben que seguro que os dous lugares grandiosos inspirarán composicións ben fermosas que permanecerán no tempo e espallarán da forma máis nobre que un pode idear o nome de dous espazos da Costa da Morte que levarán o selo da arte e da creación. É a forma máis barata e máis enxeñosa de facer promoción desta terra que nunca tivo moitos valedores e non os terá mellores que as xentes das letras, que non adoitan ter máis degoxo que a propia gloria e da que acompañe á súa obra. O dolmen de Dombate converteuse por uns días na catedral dos versos.