-¿Cre que somos conscientes do papel que xogou Manuel María?
-Creo que lle acontece como aos grandes autores, aos que logo chamamos clásicos. Medran e empezamos a velos dunha maneira totalizadora unha vez que non están e hai ese distanciamento físico e temporal. As grandes obras son aquelas que se sosteñen no tempo, que volves a elas e seguen tendo peso e incluso gañan presenza, comunicación. Á obra de Manuel pásalle iso e sabiamos que lle ía pasar iso: é moi completa, moi de raíz, que nace dende o máis local, o máis próximo, e que se vai ensanchando a todos os círculos da vida. É universal, unha obra dun tempo, dun país, pero tamén unha obra que vai máis alá dun tempo do propio país.
-¿Iniciará agora unha xira? ¿Ten previsto visitar a Costa da Morte?
-Polo momento, para esa zona, non teño nada previsto, mais agardo que si. Estamos preparando a axenda da editorial e recibo moitos convites. A veces penso que vou repetir o ronsel de Manuel. É raro o lugar do país, concello ou colectivo que non teña unha lembranza del. Un dos seus lemas era andar a terra toda, para coñecela, explicarse e explicala. El non está, pero segue presente. O del era un camiñar incesante, era profundamente querido, o cal explica a popularidade da súa obra, como o pobo a asimilou e a fixo súa, para recitala de memoria, cantala, musicala. Iso converteuno nun autor popular, como foi primeiro Rosalía, Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro. Moita xente canta e non sabe que está cantando un poema de Manuel María.