Seguía onte alí a pola do carballo de Vilar de Francos, arrebolada contra o chan, despois de que lle esgazara un gallo. Un gallo grande: máis ca moitas árbores de vinte anos. Hai que velo. Non se vai retirar ata que en Medio Ambiente dean o visto bo. Porque agora iso depende de cédulas administrativas. Hai anos, vira nun documentadísimo libro de Jesús Izco e Rodríguez Dacal sobre as mellores árbores de Galicia (non é chauvinismo: tras lelo todo dúas veces podo dicir que este é un dos mellores do país, obxectivamente) que unha das súas múltiples lendas que a súa sarxa era case como sangue, un xugo moi espeso, así que iso aumentaba o respecto que lle tiña a xente, que se sumaba a que nacera dunha landra no altar da vella capela de San Antonio. Ou que o santo ía de camiño cara Santiago e parou alí a dar misa. O de casar non o conto, que é moi coñecido. Imaxino que estas cousas explicoullas xente vella do Campo ou da Telleira, a cada lado, pero témome que, tal e como están os mundos, agora esa pola irá para leña e punto. A ver se polo menos curan a ferida pola que fendeu, se é que ten remedio. Aínda estamos no tempo do ano para facelo.
Este carballo, que por motivos que non entendo é moi pouco coñecido polos veciños da zona, é dos que gardan a mellor tradición do poderío dos vellos exemplares. Nos que se pechaban tratos, facían romarías, selaban compromisos. Noutros foise perdendo, como o de Cereixo, onde a praza acabará comendo as raíces, ou o de San Fins de Cambeda, que era bo para as hernias pero hai anos que lle cortaron as polas. O que o fai non sabe que o que corta de verdade é a nosa historia.