Paro, neve

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

20 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou a neve a Suíza, máis tarde do normal. O que antes era unha anécdota, grazas ás fotos das redes sociais, desta vez xa me preocupaba: moito tardou esta vez! Os emigrantes da zona que están en Xenebra ou Berna pregúntanme polas chuvias que tivemos por aquí, e algúns botan de menos o mar, e os que estamos por aquí vemos a neve na parte de atrás das súas casas e dannos ganas de coller un avión para tirarnos por ela. E, de paso, ver dentro duns días a Juan Magán en Delemont. Polo que leo, haberá máis veciños nese concerto que nas maiorías de festas que temos aquí no verán. En fin: a emigración non é o que era. Agora tamén se transmite o frío do chan, e non só o que se sente cando estás fóra, lonxe dos teus.

Tamén polas redes vemos a situación laboral que hai nese país. É máis fácil coñecer os índices dos cantóns que os das comunidades autónomas. Os informes que presentan cada ano son tan exhaustivos que só lles falta poñer o nome de cada demandante de emprego. E, milagre, aínda que están en alemán, enténdense.

Este mes pasado de decembro, o paro subiu un pouco. En Obwalden e máis en Nidwalden, alí ao lado de Lucerna, chegaron ao 1 %. Si, non é un erro: 1 %. Pero mal, pero case sempre está en 0,8 ou 0,9. Parece ciencia ficción, pero é real. E en Appenzell tamén medrou o desemprego: 1,3 %. Con esas cifras, e outras semellantes, ¿non é un paraíso económico?

Así é como se entende que unha concelleira de Xenebra me falaba horrorizada do paro no seu cantón, que é o máis alto do país, no 5,6 (a media helvética é do 3,3). Nunca tal cousa vira.

Iso tamén dá moita friaxe.