«Le dimos de comer a ese puto», berraba un dos ultras. Logo dunha restra de improperios máis, case sen alento, o seareiro dixo coa voz crebada: «Mascherano, gallego»
11 ene 2016 . Actualizado a las 23:08 h.O mes pasado o Barcelona gañou en Xapón o Mundial de Clubs diante do River Plate. Non vin o encontro, pero si escoitei os insultos posteriores ao defensa barcelonista Javier Mascherano. Os feitos tiveron lugar no aeroporto de Narita, en Tokio, horas despois do partido. Un grupo de seareiros do River dedicouse a chamarlle de todo. Non perdoaban que o xogador, que comezara a súa carreira no club boanerense, se alegrase de ter gañado o trofeo. Saíu esa compoñente fanática do fútbol que me é tan difícil de entender. «Le dimos de comer a ese puto», berraba un dos ultras. Logo dunha restra de improperios máis, case sen alento, o seareiro dixo coa voz crebada: «Mascherano, gallego».
Para aqueles que non o saiban, a palabra gallego emprégase, aínda a día de hoxe, como insulto en Arxentina. Nesa acepción pexorativa, ser gallego é sinónimo de ter moi poucas luces. Como pasou aquí cos habitantes de Lepe, no outro lado do Atlántico eran moi comúns os chistes sobre galegos. Se fan unha busca en internet poderán ver libros con títulos como: Los más inteligentes chistes sobre gallegos. Aquí un exemplo do que poden atopar dentro: «¿Por qué van 19 gallegos al cine? Porque la película está prohibida para menores de 18».
As palabras están cargadas de historia, os insultos tamén. Non hai que ser filólogo para deducir como chegou a ser gallego un insulto. Ao longo do século XIX e de boa parte do XX. a emigración a América era masiva. Foron tantos os milleiros de compatriotas que escolleron Arxentina que por algo Bos Aires aínda é coñecida como a quinta provincia galega. Eses homes e mulleres que viaxaban en terceira clase non eran outros que os nosos avós e bisavós. Mozos e mozas labregas afeitas a traballar arreo na terra, a ter poucas ou ningunhas pesetas no peto e a, no mellor dos casos, a ler e escribir con certa dificultade. Os galegos engrosamos a man de obra máis barata e menos cualificada dunhas economías que eran punteiras. Cos anos e co esforzo, moitos deles prosperaron e puideron darlle aos seus fillos un futuro máis acomodado. Detrás do insulto hai unha mestura de ignorancia, soberbia e racismo. Para que enganarnos, nós non somos mellores. ¿Acaso, en maior ou menor medida, non temos falantes que intentan ofender empregando adxectivos como sudaca, portugués ou rumano? Para que falar da carga ofensiva coa que se usa habitualmente xitano e dos chistes que se fan sobre esta etnia...
Pero non fai falta saír do Estado para ver como hai estoupa para todos. Para facer o chiste fácil ou para emitir un pensamento plano recorremos continuamente aos tópicos. Os cataláns son avaros e só miran por eles. Os vascos son cabezas cadradas e violentos. Os andaluces son larcháns, os madrileños chulos... Dentro desa España de tópicos tampouco quedamos moi ben parados. Abonda dar conta da expresión «gallego el último». A min, loxicamente, tamén me doen os chistes sobre galegos zoupóns e ignorantes, pero non por iso esquezo que tampouco somos irmáns franciscanos. Venme agora á cabeza unha conversa que escoitei hai algúns anos. Regresabamos da Mariña luguesa e paramos para tomar un café nun bar de Teixeiro. Na barra, o dono do local fumaba mirando para a televisión. Era Semana Santa. Nas imaxes víase como dende un balcón unha muller cantaba unha saeta con voz desgarrada. Debaixo do seu balcón os encapuchados pasaban cunha imaxe relixiosa.
O tipo mandou unha calada longa, deulle á cabeza e, antes de volver ao encrucillado do xornal, fixo a súa particular reflexión en voz alta.
-Estes para traballar non, pero á hora de portear santos non hai quen lles gane.