Cando chove

María Canosa ENXEÑEIRA DE CAMIÑOS

CARBALLO

pingas de cristal

09 ene 2016 . Actualizado a las 13:28 h.

Cando chove, lembrámonos do que é caer auga por riba de nós. E con ese nós refírome ás persoas, á terra, ao mar... Todo muda, todo cambia. A auga cóase por cada fenda, por cada furado, por cada poro. Os ríos desbordan e os terreos e vivendas quedan asolagados. Daquela lembrámonos de que hai cousas que non funcionan. ¿E a quen lle botamos a culpa? Antes de que me respondan, lembremos certas cousas.

Onte pasei por Brandomil e apenas puiden ver a súa fermosa ponte (datada do século XVI). A enchente chegaba ao antepeito imposibilitando cruzar sobre ela.

Enxeñería e técnica avanzaron moito nas últimas décadas. Quizais non nos guste cumprir a normativa de Costas (afastándonos da primeira liña de praia), nin a de Augas (cada vez con proteccións maiores nas beiras dos ríos), nin as de estradas (que ata deixan as árbores lonxe da vista).

Cando os ríos anegan, xa non nos parece unha esaxeración o cálculo da avenida de 500 anos. As restricións das normas, en continua revisión, poden parecernos demasiado estritas, pero son necesarias.

Con todo, quixera lembrar, como xa fixen máis veces, a importancia da explotación das obras de enxeñería civil. A limpeza de canles, pontes, estradas... é primordial, máis ca nunca para esta época do ano. Non vaiamos laiarnos o próximo inverno, cando chova de novo.