Noites de avós

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

CARBALLO

Anda a comarca revolucionada co Nadal. Os restaurantes, segundo contan, máis cheos ca anos atrás, cargados de reservas, de peticións de mesas para vivir tempos de comidas e ceas denavidá. Ceas que quizais non esquecerán. Parece que nas rúas -depende de con quen bata un, claro- hai certo aire de optimismo. Parece que a cousa vai mellor. Semella. Bulen as compras de marisco, as da lotaría, as de regalos que completarán ese traballo do Apalpador, do Papá Noel e dos Reis Magos, nos que sempre hai que crer, porque é, son verdade. Reais. Anda moita xente atarefada pensando na decoración da mesa da cea de Noiteboa, nos primeiros, nos segundos, nos terceiros pratos e mesmo en sorprender na sobremesa. No entanto, tamén haberá moitos que teñan que pasar a noite sós. Esa e todas as noites. Cuestións do envellecemento, da despoboación, da marcha dos novos, dos fillos que se foron, dos netos que andan por outro lado... A matriz da Costa da Morte tamén son eses moitos avós que fican sós, ceando o 24 quizais o mesmo de sempre, unhas sopas con leite, das que nunca faltarán. Si, tamén son reais. Na televisión, algún programa do montón, con artistas inmortais, un refrito, panxoliñas. A eles tamén lles hai que dicir, aínda que quizais non o sexa, Bo Nadal. Que nesa noite de frío humano poidan deitarse coa sensación de acubillar un neto no leito. Nunca tan seguros se sentirán. É unha verdadeira fortuna que en moitos dos Contos de Nadal escritos polos nenos da Costa da Morte estea presente esa figura, a do avó, a da avoa, unha figura e un amor certamente inmortal.