A derradeira batalla

Alexandre Lago Portela ASESOR XURÍDICO DAS PLATAFORMAS

CARBALLO

11 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Na miña humilde opinión, esta campaña recadatoria que realiza Facenda contra estes xubilados é totalmente inxusta e inmoral. Inxusta por que se iniciou con alevosía e premeditación, xa que ata o ano 2012 estas pensións estaban exentas de tributar en España (nos países pagadores así teñen esta consideración) e así lles informaban aos afectados os propios funcionarios cando ían a confeccionar a declaración da renda. Inmoral porque, unha vez máis, toda a máquina da Axencia Tributaria, ensáñase cun colectivo totalmente desfavorecido (xubilados emigrantes retornados que residen, na maioría dos casos, no rural, sen posibilidade de atopar quen lles bote unha man).

Fomos a Bruxelas pola entrevista cos membros da Comisión de Peticións do Paramento Europeo, a raíz da denuncia que interpuxen, en representación deste colectivo, ante esta Comisión, denunciando que o Goberno español esta vulnerando o principio de igualdade de trato entre os xubilados galegos e os que teñen a condición de emigrantes retornados.

Estes están obrigados a tributar a partires de 11.200 euros (aplícanlle a lei 35/2006 por considerar agora a pensión do estranxeiro como segundo pagador) en detrimento das percibidas en concepto de viudedade ou xubilación, que a efectos tributarios considerasen como un só pagador. En consecuencia, están obrigados a declarar a partires de 22.000 euros. Ningún xubilado se nega a tributar, ao contrario, están sendo o sustento de miles de familias que teñen a todos seus membros en desemprego. Ao que se negan é a que se lles aplique este cambio de criterio con carácter retroactivo, e reivindican un trato xusto e igualitario.

A conclusión destas reunións é que hai causa nas súas reivindicacións, que se presume unha mala administración na acción das institucións do Estado Español cara a os cidadáns da UE que tiveron que emigrar cara os distintos Estados membros nas décadas dos anos 40, 50 e 60.

Todo indica que a Comisión de Peticións, como fixo cos preferentistas ou cos afectados das abusivas cláusulas chan, daralle a razón aos emigrantes retornados.