«A música ten un poder especial porque é unha linguaxe universal»

Á. palmou

CARBALLO

MARCOS RODRIGUEZ

A cantante e compositora participa esta tarde en Cee nun acto en solidariedade con Palestina

15 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa da Cultura de Cee acollerá esta tarde (18.00) un acto de solidariedade con Palestina no que a cultura dese pobo estará representada nun desfile de traxes tradicionais e nun recital de poesía. O colofón porao coa súa música Najla Shami, artista nacida en Compostela, pero con raíces palestinas e arxentinas.

-¿Como vive alguén que avoga polo entendemento entre culturas traxedias como a de París?

-Hoxe non é un bo día para min. Sucédeme sempre que pasan este tipo de cousas, pero o que máis me preocupa, ademais das vidas dos civís, que somos os que sempre pagamos o pato, é a desinformación e o que feitos coma estes conlevan de manipulación para conseguir uns intereses económicos e políticos que nos quedan lonxe. Tamén me preocupa cal vai ser a consecuencia para Oriente Medio e o pobo árabe.

-¿A música ten poder para transformar o mundo?

-Eu penso que si, que a música ten un poder especial porque é unha linguaxe universal, por riba das propias linguas. Pero o que eu asumo como máis poderoso, sobre todo nos tempos que corren, é a revolución da alegría. Ten habido moitos movementos musicais importantes que eran máis serios, pero eu trato de transmitir toda esa mensaxe a través da alegría. Hai unha mensaxe de unificación porque na alegría e na comuñón dos pobos non existen razas nin diferenzas.

-¿Como é vivir cunha tripla herdanza galega, palestina e arxentina?

-Ao longo da miña vida tiven moitas fases, pero tiven sorte e sempre me sentín respectada. Teño sentido poucas veces racismo porque o pobo galego é fantástico e ábrelle os brazos a calquera persoa do mundo. No eido musical, ao principio non sabía moi ben cara onde enfocar, pero cos anos funo unificando e lévoo ben.

-¿Hai esperanza para o pobo palestino ou o conflito vai seguir enquistado?

-Eu son unha persoa súper optimista, pero teño os pés na terra. Dicir que perdo a esperanza sería case como dicir que renuncio á miña propia vida, pero eu non vexo agora unha saída porque a avaricia duns poucos cada día crece máis. Non é só unha cuestión de Israel; os fíos que moven isto son moito máis alongados. Hai intereses en Europa, en Estados Unidos, e mesmo en Arabia Saudí e en Oriente Medio.

-¿Haberá sitio para Rosalía de Castro [fío do seu disco ?Na lingua que eu falo?] no acto de Cee?

-Claro que si. Vai estar Rosalía, tamén estará Siria e todos os humanos que sofren.

-¿Que lle quita as ganas de cantar?

-A verdade é que a indolencia ás veces quítame as ganas de cantar, pero síntome tan plena cando canto e sinto que os demais están nesa plenitude comigo que só velos gozar así dáme unhas ás que ninguén me pode quitar.