Acaba de formarse un grupo folk de rapaces novos, incluso moi novos, maiormente vimianceses, que se chaman Druídas da Rolda. O nome chama a atención por dous motivos polo menos. O primeiro, o rescate da palabra case esquecida rolda. Pensei que só quedaba na cabeza dos que podemos ser seus pais por idade e, dende logo, nos que tamén poden ser os nosos pais, e os avós, e todo así ata onde dea a natureza humana. O segundo, precisamente ese: que sexan rapaces tan novos e saiban que iso existe. Porque, ¿existe, non? ¿Ou existiu?
A rolda era a que formaban almas en pena arredondando unha parroquia. Así se dividía o mundo: a parroquia dos vivos e a dos mortos. Hai moitos contados sobre isto, e tamén moito escrito. Lisón Tolosana, por exemplo, e aquí máis cerca, Marcial Gondar catedrático de antropoloxía da USC, gran sabio neste e noutros moitos temas da alma galega. Grazas a un libro que me recomendara lin relatos que algunhas persoas que dicían tela visto eran absolutamente idénticos a outros que contaba xente de moi lonxe, mesmo doutros países. Pasárame a min cun deles, cando unha veciña de Muxía me explicou a súa experiencia, moitos anos antes. Os temas da morte sempre estiveron envoltos na mesma bruma coa que se soen representar nas ilustracións.
De pequeno chamábame a atención a maneira en que os maiores tiñan de falar de cando a viran. Como algo normal, sen medo, se arrepiarse. A certas idades é mellor que non che falen deses temas no inverno, de noite, moitos días sen luz, ou esfollando na leira, ou na corte coas vacas. Cando menos o esperabas. Se cadra xa o facían para quitarche o medo, pero ese antídoto empezou a deixar de funcionar cos que somos dos sesenta e dos setenta: si que nolo daba. Se cadra por iso nunca volveu a aparecer pola parroquia. Había un nivel antes.
A música do grupo, que tocou o outro día en directo en Radio Voz, non ten nada que ver co lúgubre. É animosa, optimista, chea de estética sonora folkie que tanto me lembra ás noites de Santiago, cando as roldas xa eran outras.