Pondal ao pé do sepulcro

Juan Félix Neira Pérez

CARBALLO

A preocupación polo descanso futuro dos seus restos estivo moi presente no pensamento e na obra do autor pontecesán

08 mar 2015 . Actualizado a las 23:35 h.

Co gallo do 98º. aniversario da morte do poeta Eduardo Pondal, un 8 de marzo de 1917, podemos recordar un poema seu en castelán -moi pouco coñecido- datado en 1883, no que el mesmo incorpora unha nota explicativa para a súa correcta interpretación post mortem: «Parece que el autor alude aquí a aquel grupo de laureles contiguo a la tapia que separa la huerta parroquial del atrio de la iglesia de Almerezo, y próximo al panteón de familia en donde descansan sus restos». O poeta, que ten 48 anos e verase progresivamente afectado pola neurose, enfróntase á posibilidade dunha morte certa e inminente: «Rústicos, buenos amigos,/ de un tiempo que ya se fue,/ que en el solitario huerto/ con gran ruido os mecéis;/ vuestra agradable espesura/ me recuerda mi niñez;/ con qué gracia, oh sonorosos,/ con cuanta gracia os movéis,/ si el viento del Monte Blanco,/ vago, os vien e a estremecer./ Por fin se acerca la hora/ en que yazga a vuestro pie;/ oh, cuando brille la luna,/ dentro de poco tal vez,/ con lenguaje nunca oído/ que no es dado comprender,/ cuantas cosas os diré,/cuantas cosas me diréis».

Pondal, enfermo

Se lemos esta peza á luz da súa correspondencia, descubriremos que estes versos emanan de feitos reais. Parece que no ano 1883 a saúde debeu de dar algún susto serio ao poeta. Benito Losada, en carta do 17 de febreiro desde Santiago, alégrase de ter recibido unhas liñas do amigo pontecesán, «cuya salud -según me habían dicho-, se hallaba algún tanto resentida y su ánimo bastante impresionado».

Non é o único testemuño deste annus horribilis. Con data 16 de decembro de 1883 e desde Madrid, Manuel Murguía, en misiva enviada a Laxe, dille que sinte na alma os «disgustos» e «males» producidos polas súas tensas relacións coa familia, problemas que seguramente explican por que o poeta se atopaba na vila mariñeira. «Yo espero que V. se rehaga, que mejorará de salud y que Dios le ha de dar tiempo para terminar su obra y ver algo de la gloria que le espera». Antes de despedirse, o Patriarca fai unha sombría advertencia: «Y aunque si, por desgracia, V. me precediera en el camino que todos hemos de recorr[er], por poco tiempo que sea, esté en la seguridad que haré por mi amigo Pondal lo que por mi hermano».

É evidente que Pondal está a padecer unha doenza, e non menor. A Parca anda preto: «Por fin se acerca la hora? dentro de poco tal vez?», dille aos loureiros de Cospindo, mais o non perde a compostura: nada tétrico perturba a complicidade do eu poético coa Natureza do seu val nativo: árbores, montes, vento, lúa. É nisto fiel a si mesmo, salvo nun aspecto: se non fora pola glosa da súa autoría pensariamos que son pinos estes «rústicos, buenos amigos,? sonorosos», de ?grato ruido» e movemento gracioso. O poeta evoca o paraíso perdido da infancia feliz, a bondade dos «amigos» e a súa «agradable espesura», o seu «grato ruido» e a «gracia» do seu movemento. Nas postrimerías adopta a postura do sabio estoico que sabe morrer e non a do romántico arrebatado para o cal a súa morte é a única do universo mundo.

O panteón familiar

Salvo este «grupo de laureles», os referentes reais do igrexario de San Tirso de Cospindo seguen aínda no seu sitio: a parroquial, o adro, a horta e o panteón familiar, todos eles vivificados polo milagre da Fundación Pondal, con sede na reitoral contigua. Por documentación do Arquivo Diocesano de Santiago, sabemos que o pai do poeta solicita ao Arcebispado a construción dun «panteón o nicho en el cementerio general que hay en el atrio de la referida parroquia y a la parte del vendaval a fin de colocar en él dos sepulturas para sí y su familia». A administración eclesiástica fixa o custe en 650 reais, que el considera abusivos, polo cal, tras varias xestións epistolares, axústase en 200 reais, e sempre que se ubicase «en un lado donde no interrumpiese las procesiones».

É o mesmo panteón que hoxe alberga as cinzas de moitos membros da familia, entre eles os pais e os irmáns do poeta, salvo Julia, que casou en Laxe. Case trinta anos máis tarde, Manuel Antonio Pose, o párroco que mediou na xestión de Juan Pondal, non quería ser menos e solicita a construción dun «panteoncito dentro del atrio de dicha iglesia», no lado oposto ao dos Pondal. Terá dúas urnas, e «permitirá que sus sucesores, nunca legos, se entierren en la inferior, nunca en la superior». Non lle saíu máis barato que ao pai do Bardo: 200 reais.

Xunto co poema en castelán, Pondal tratou o tema da morte en varios poemas en galego. En catro deles estamos ante ao pasamento dunha personaxe poética, como reflexan os lugares desexados para a última morada, intensamente poetizados tamén: o «promontorio areoso e vougo» a carón do Anllóns (o Monte Blanco) ou «debaixo dun rudo dolmen» na «gandra espaciosa» ou «baixo os dereitos troncos rumorosos/ de esbelto grupo de soantes pinos». Tamén cunhas «rudas antes» na gándara pide ser soterrado nun poema en primeira persoa. Porén, no titulado Votos del poeta é onde establece a coñecida orde de prioridades para o seu descanso final: «Se non for na Ponte-Ceso/ sepultádeme na Cruña». Corría o ano 1916, un ano antes da súa morte, e volve a evocar, agora neste poema en galego, o «monumento paterno» desde o que poder dialogar cos «rústicos, buenos amigos» loureiros.

O pino rastreiro de Pondal

Falando cunha veciña do Couto, xa octoxenaria, sobre o monte cabanés de San Sebastián, non lonxe de Cospindo e na beira oposta do Anllóns, recordaba ela ter oído que nese monte había unha «zanja con pedras, algo profunda»; que «uns criados que traballaban na casa de Valdés dicían que eran cousas do poeta»; e que «había un pino rastreiro e o poeta quería ser enterrado ao pé del».

Un pino rastreiro, un pino que medra a rentes do chan, humilde no sentido etimolóxico da palabra: case a antítese dese pino lanzal e fachendoso tan cantado polo Bardo. Unha anécdota simplemente, pero que revela ata que punto os veciños coñecían as rarezas dese señorito poeta que arelaba un descanso eterno baixo antas pétreas e altos pinos. Finalmente, non foi o «panteón de familia» o que o acubillou, senón a sinxela e austera tomba de lápida marmórea, preto do mar do Orzán no que xa moitos anos antes morrera afogado o seu amigo Aurelio Aguirre, conmilitón no soado Banquete de Conxo.