O grupo teatral estrea esta noite en Baio a súa nova obra, «Frankenstein»
28 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Badius, o grupo teatral que preside Ricardo Vigueret Gil (Baio, 1958), volve esta noite á carga para presentar no pavillón baiés (ás 22.00 horas) a súa nova montaxe, Frankenstein, na que volven a mostrar a súa predilección polos clásicos do cine e pola comedia. A obra, a décimo cuarta da traxectoria da agrupación, sérvelles tamén para celebrar os seus 30 anos de vida.
-¿Por que escolleron «Frankenstein» para esta nova obra?
-Porque ultimamente nesta teima que temos de parodiar clásicos do cine e tras parodiar outros xéneros con Só ante o perigo, Casablanca ou un dos últimos éxitos do grupo que foi a parodia de Atraco a las tres que no noso caso era Bancagare, agora ocorréusenos facelo co terror, neste caso co mito de Frankenstein, pero a través tamén dun clásico do cine como é El jovencito Frankenstein de Mel Brooks.
-A obra serve para celebrar os 30 anos de Badius pero chega cunhas semanas de retraso.
-Normalmente sempre actuamos en Baio polo Nadal porque Badius comezou, precisamente, no Nadal de hai 30 anos no vello cine Pomares e sempre tivemos ese costume, pero esta vez por enfermidade dunha das actrices non puido ser e houbo que retrasalo un pouco. Todo o mundo que queira divertirse por un anaquiño está convidado a asistir a esta estrea.
-¿Que peculiaridades terá o «Frankenstein» de Badius?
-Pois, como dicía, nós sempre afrontamos as nosas obras desde a óptica do humor. Sempre fomos un grupo de comedia e de momento, aínda que iso nunca se sabe, non temos ningunha perspectiva de cambiar. E neste caso para achegarnos ao humor recorremos a ese clásico que é El jovencito Frankenstein, pero claro está dándolle as voltas de Badius. Hai innovacións con respecto á película.
-¿Por que teñen esa predilección pola comedia?
-Sempre foi o noso referente e é o xénero no que nos sentimos máis cómodos. Ademais, é un xénero moi agradecido por parte do público e especialmente do noso, que está agardando sempre comedia. E, algunha vez, nos comezos do grupo tentamos facer algunha obra que non fose comedia, pero cando comezamos cos ensaios saíanos a risa así que dixemos: ?facer chorar non é o noso?, así que decidimos seguir pola comedia.
-¿Teñen algún referente?
-Os Les Luthiers, por exemplo, porque gústanos moito xogar coas palabras e cos dobres sentidos das cousas.
-¿Como será a posta en escena?
-Procuramos innovar un pouco en canto aos efectos especiais para sorprender ao público e os decorados tamén serán especiais, non serán os clásicos que vimos empregando, pero é algo que o público terá que descubrir vindo á representación.