O entroido tradicional na Costa da Morte

X. Fernández Carrera

CARBALLO

Ociclo festeiro do Entroido antigamente era máis longo. Comezaba pouco despois do Nadal e prolongábase ata o mércores de cinza. Este calendario tradicional aínda se conserva nos núcleos do sur da provincia de Ourense como Laza, Verín ou Xinzo, nos que se vive con gran intensidade.

Na Costa da Morte, o ciclo redúcese máis. Comezaba dous domingos antes do de Entroido. No primeiro celebrábase a festa do burro, na que se facían chanzas aos amigos ou veciños, debuxando un burro, acompañado da frase «burro son e patas teño, máis burro é quen o está lendo», para logo poñerllo no peto ou pegarllo no lombo. Ás veces facíase un monicreque vestido de entroideiro e colocábase na porta da casa dun veciño.

A partir deste domingo a xente comezaba a disfrazarse, sobre todo os rapaces, que vestidos de choqueiros e cun pau e unha careta feita de trapo, percorrían a casas do lugar, petando nas portas para pedir filloas ou cartos. Nas zonas nas que se palillaba os grupos de entroideiros percorrían as palilladas para facerlle brincadeiras ás mulleres.

O seguinte domingo era o de corredor, denominado así porque en moitos lugares celebrábase a corrida do galo, unha festa que puido ter a orixe nun xogo de cativos, pero que logo se estendeu á mocidade. Nuns casos soltábase un galo, tamén podía ser un quiquiriquí, nun campo aberto e un grupo de mozos corrían detrás; aquel que o pillase, quedaba con el. Noutros casos pendurábase o galo polas patas nunha corda que se tensaba entre dous paus ou dúas árbores; os mozos saían de un en un desde unha distancia determinada, cun pau na man e cos ollos vendados, e aquel que lle atinase levaba o galo. Outras veces enterrábase, deixándolle a cabeza fóra. Logo cada participante intentaba darlle nela e gañaba quen o lograba. Tamén había outras formas máis violentas de facer este xogo, como a de cortarlle ou arrincarlle a cabeza ou tratar de matalo a paus. Na Costa da Morte tivo moita tradición a corrida do galo de Zas nos anos oitenta e noventa e a de San Martiño de Ozón (Muxía) polos setenta. Esta celebración comezou a deixarse de facer a raíz do aumento da conciencia sobre o maltrato de animais e á promulgación de leis na súa defensa.

As xornadas centrais

Os tres días principais do entroido (domingo, luns e martes) celebrábanse con maior ou menor intensidade en todas as parroquias. Nalgunhas había tamén corridas de galo ou regueifas ao aire libre ou nas tabernas. Grupos de entroideiros saían a correr en cada aldea ou vila. Rapaces e mozos disfrazábanse aproveitando a roupa vella que había pola casa. Como nestas datas se invertían os papeis, os homes vestían de mulleres e ao revés. Os nenos facíano de vellas ou vellos. A cara tinguíase con feluxe do pote ou da tixola, mais tamén se tapaba cun trapo ou unha media, facéndolles aberturas nos ollos, nariz e boca.

Durante estes días tamén se facían moitas bromas ou entroidadas. Cambiábanse as cancelas de sitio ou collíanse carros pola noite e levábanse a outro lugar para que a mañá seguinte os veciños se risen do dono. Os entroideiros metíanse coa xente botándolle borralla, fariña ou xiringándolle auga enlodada, e mesmo guindando ovos podres.

Para correr o entroido tamén se utilizaban animais pero sempre cun sentido burlesco ou cómico. Podíase levar un carro pequeno tirado por cans ou cochos, burros, cabras, etcétera. A xente maior de Coristanco aínda lembra as parodias que organizaban Andrés do Chalupeiro e Manolo do Tullido de Centiña, cando viñan a San Roque acompañados dunha caravana tirada por dous cans, xunguidos a xeito de parella de bois.

Despois de correr o entroido, pola noite organizábase baile de pandeireta nalgún pallote. Durante o mesmo facíanse brincadeiras ás mozas, pois por estas datas estaban permitidas.

Madamitos e Xogo da Vaca

Ao lado destes entroideiros farrapentos, podían aparecer outros personaxes vestidos con roupa elegante e moito colorido: os Madamitos e Ghuardineros. En Bergantiños hai constancia destes disfraces en varios lugares de Coristanco, e tamén na parroquia malpicá de Cerqueda. A asociación Raigañas hai algo máis de vinte anos recuperou esta tradición, que se remonta a máis alá de comezos do século pasado.

Un exemplo de Entroido como representación cómica da realidade labrega tiñámolo no Xogo das Vacas que se realizaba nas parroquias de Mens e Barizo, en Malpica. A parodia comezaba coa chegada dun carro tirado por dúas vacas, (na realidade, dous mozos disfrazados) cargado de apeiros de labranza a unha leira xunto con labregos, un perito, un veterinario e o público. Todo se facía de forma cómica para provocar a risa dos asistentes: as vacas son bravas e escápanlle ao chamador e métense coa xente; ao sementador váiselle a man e guinda a semente contra os asistentes; outros aproveitaban para mover os marcos e crear conflito, entón intervén o perito.

As comparsas

Unha das manifestacións máis propias do entroido na Costa da Morte eran a comparsas. Temos constancia delas desde comezos do século XX. Estaban formadas nun principio por grupos de mozos, vestidos cunha certa uniformidade, que saían polas rúas ou feiras a cantar coplas que versaban sobre aqueles acontecementos máis singulares que sucederán durante o ano, procurando facelas con retranca para provocar a risa dos oíntes.

Fisterra, onde ten moita tradición o entroido, foi pioneira na formación de comparsas. Dise que o seu impulsor foi o médico local Desiderio Paz Figueroa, gran afeccionado á música e ao teatro. Cara ao ano 1912 fundou a primeira comparsa denominada Los astrónomos e máis tarde Los diablos. Percorrían as rúas cantando coplas que eles mesmos compoñían e que trataban sobre os acontecementos e persoeiros fisterráns. Este ambiente de comparsas continuou en anos posteriores e constituíu os alicerces das actuais festas que se celebran nesta vila mariñeira.

O fotógrafo muxián Ramón Caamaño deixounos testemuño dalgunhas comparsas coma a de Los Piratas del Nil, organizada por un grupo de mozos da Ponte do Porto no ano 1928, ataviados con traxes feitos coas telas procedentes dese barco naufragado na costa de Arou o ano anterior.

En Carballo na década dos anos vinte do pasado século, tamén temos noticia da existencia de comparsas. Unha delas, Los Bufones (do ano 1927) criticaba nas súas coplas á corporación polo mal estado no que se encontraban as rúas da vila: «Hay que ver como está / nuestra calle del Sol, / por doquier, baches mil, / y con fango aterrador».

Ata hoxe

A partir dos 70, sobre todo despois da morte de Franco e trala chegada da democracia, o entroido rexurde con forza, pero perderá a espontaneidade de antano. Aparecen novas celebracións e van esmorecendo as tradicionais, substituídas por outras alleas, na súa meirande parte impostas pola televisión. Os concellos implícanse na organización de actividades, pero case todas son en bailes de disfraces para cativos ou maiores, e en concursos de disfraces e de comparsas, aos que se lle outorga aos gañadores un premio en metálico.

Curiosamente na Costa da Morte está acadando maior realce e singularidade a celebración da despedida do entroido cá propia festa. Por iso cando falamos do entroido nesta rexión costeira, véñenos á memoria a Mikaela de Buño, o Farruco de Seaia, o Faustino de Malpica ou o Caietano de Laxe.