Apoucas cousas se lle tiña máis medo que ao lume. Nin á pobreza: había tanta que non podía ir a máis; só cabía esperar un rebote, como na Bolsa. Dende nenos quedabamos ben ensinados sobre os perigos das lapas, se é que non naciamos xa aprendidos: ¡antes espantar o lume ca o mal de ollo! A leña ben apartada no inllar (villar, para os meus: illar, inllar, allar... Xa non sei). A leña na cociña, no seu sitio. E se se queimaba leñada, caldeiros ao lado, terra, un sacho, vixiar o vento. Ata para espantar os porcos teixos, co millo novo, todo verde derredor, había medo de que prendese. Non digamos co butano, reparando unha e outra vez se a billa estaba aberta, non sexa que marchase o gas e se acendese algo. Dese respecto naceu a peculiar arquitectura de dúas bombonas colgadas na parede de fóra, mellor preto do retrete. Aínda quedan moitas. E baños: cubismos adosados que a algún foráneo lle chama tanto a atención como os cabazos.

Cambiaron os tempos, pero o medo segue. Ás veces gana o lume e leva o que ten ao lado, empezando nunha lareira pequena e varrendo amodo. Xa o vimos onte en Cee. E xa ben veces en moitos sitios, cando vén o frío.

Cambiaron os tempos, si. Os hábitos. Vai morrendo o lume de sempre e con el vanse máis ca costumes: palabras. O propio inllar ou como se diga (villar para sempre). O cisco de leña pequena. O arume, a borra, a borralla. Pero, o mellor, as charamuscas. Como fogos de artificio cando prendía unha queiroga. Como brilaban os ollos ao velas voar tan alto...