Imposible esquecer algunhas datas, ao marxe (claro) das persoais e íntimas. Cada un ten as súas. Entre as miñas, o 23 de xuño de 1986, a noite das cachelas. Cada un é como é, conste que teño máis. Aquel día fomos varios cara o Campo do Río a ver o lume e pasar un bo cacho da noite. Cando baixamos, os postes da luz estaban coma sempre: colocados dende había meses, e apagados. Ata tiñamos chanzas sobre que xa non os acenderían. Noutras parroquias próximas xa funcionaban para maior disgusto. Pero somos animais de costumes: xa nos acostumamos tanto a que estiveran sempre apagadas que pensei que cando lle desen ao botón do on non nos había gustar.

Pero, mira, gustou. Cando as cascas estaban empezando a arder e o lume a chegar moi alto, os focos brillaron. Quixen crer que era algún tipo de maxia, ou que o técnico correspondente lle chiscou un ollo ao destino aproveitando tal data, incluso polo feito de que xusto aí comezaban a verse as estrelas, pero a realidade é que lle cadrou ese día como puido ser outro calquera.

Así que para a casa xa volvemos con luz. Soubeches entón que xa todo sería diferente. A claridade chegaba en plena adolescencia, e deixaba atrás outros tempos. Acabaron de pecharse cando puxeron o teléfono a prezo accesible.

¡Como non van quedar esas datas! A luz era unha demanda de sempre, a entrada no mundo moderno que xa viña con moito retraso. Críticas illadas escoitáronse: como non había persianas nas casas e as cortinas eran malas, algún disque non podía durmir. O futuro nunca convence a todos.

O curioso é que a luz abriu nun tempo no que a xente andaba moito de noite. A escuras, e saltando pedras e pozas. Porque as pistas e os camiños non eran os de agora. Será que vían mellor, o que se orientaban. Incluso nós, cativos antes, chegando á casa tarde, sen ver nada. Sen medo. Cruzabamos con algún home e adiviñabamos quen podía ser. Ou visitas tardías. Ou voltas para cumprir encargos.

Agora quedamos sen luz na rúa unhas horas e parece que nos falta o aire. Que non falte nin unha cousa nin outra, pero xa é curioso que con tanta claridade ninguén saia polas noites. A ver se era por iso.