«Todos encontramos en Carballo asento...»
28 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Ninguén me obrigou nunca a ir a Carballo, nin sequera aquela mañá en que asentara con xeada aínda, un posto de libros na feira, os primeiros Cadernos da Escola Dramática Galega que dirixía Francisco Pillado Mayor, e que outros -entre eles, o carballés Xoán M. López Eirís e mais o que isto escribe- vendiamos por aí, despois dunha función ou dunha conferencia, ou co gallo dunha Festa das Letras, como viña sendo o caso... Non iamos sós, por suposto, pois daquela, nas alturas dos anos setenta do pasado século, un día de San Xoán, festa maior da vila, había no lugar, entre outras cousas, a atracción das barracas, que oferecían ás veces algo parecido a teatro, xusto nas lindes do que os mozos da miña promoción entendiamos como «teatro popular»...
Non, non iamos sós. Para aquelas ricaces experiencias mandaba unha curiosidade por veces incomprendida... Noutras ocasións o noso afán explorador de mitos e tesouros arqueolóxicos levábanos do Faro de Hércules á epilogal Fisterra, con mergullos na festa pondaliana, moderada por Murguía, até o puro pracer de naufragar en Razo, como lección dun mar que se mostraba simplemente bravo...
Lar do teatro
E, co tempo, arrivamos -agora non só como actores, mais tamén como afortunados espectadores- ao magnífico Pazo da Cultura, lar do teatro e da música, alimento para o corpo sensitivo do país, tan precisado como merecente dun amor que o fecundase... E que agora acaba emparentando, nas vellas brañas veciñas do Rego da Balsa, coa Casa de Cristal dos libros públicos, que irán, digo eu, desde El regionalismo, de Alfredo Brañas, até as crónicas de Xan Fraga ou os versos e contos e dramas dos novos, que de dalgún deles sei, por termos compartillado lirios, rosas e espiñas do teatro noso coa mesma axitación e a mesma ardora que naqueles anos fundacionais, cando un simple pelouro era un miliario e unha simple merenda derivaba nunha orxía...
Todos encontramos en Carballo asento. Mesmo os pobres reumáticos, cuxas costas acaban luídas polas suaves augas caldas, con aroma de xofre dos infernos, que Carballo reparte con irónico rumor de fraga céltica.