«Disque un non escolle onde nace, pero si onde vive e con quen»
16 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Novembro de 1965 é unha data que marcou o meu futuro, foi a primeira vez que me achegaba a Carballo, cando tiña oito anos de idade. Atrás quedaron os primeiros anos da miña infancia, primeiro na Coruña, a cidade onde nacín, no antigo Hospital Militar, xa que meu pai estaba destinado nesa cidade como tenente de cabalaría, ata o ano e medio de idade, e con posterioridade con toda a familia desprazámonos a León, a cidade dos meus pais e dos meus avós. O cambio para un neno de oito anos non foi doado, novos amigos, outra escola, unha nova cultura... Lembro que cando chegamos a Carballo no trolebús atopámonos cunha fermosa rúa, con árbores, vivendas unifamiliares, a estación de trolebuses, chegando ata o edificio da Caixa de Aforros e Monte de Piedade da Coruña; onde os meus pais alugaran o oitavo esquerda, incorporándome xa co curso empezado en terceiro grao de Enciclopedia no Colexio Academia LEUS, sendo a miña primeira profesora a señorita Mari Carmen.
Carballo daquela era unha vila na que aínda se podía xogar na rúa, algo que aos meus pais lles custou asumir, e máis cando xa co seu permiso e a promesa de non cruzar a rúa -como vos podedes imaxinar non fixen caso-, fun atropelado por unha moto na antiga estación de trolebuses de Carballo, e tardei en poder volver á rúa só.
O primeiro domingo en Carballo, dende a fiestra da nosa casa, vimos o campo de fútbol Pedras Brancas, onde estaba xogando o Bergantiños, e meu pai levoume. Ao pouco de chegar, o árbitro parou o partido e veu cara nós, eu a verdade asusteime, e agocheime detrás do meu pai, pero todo foi moito máis doado, xa que o árbitro estivera facendo o servizo militar con el na Coruña e asombroume que anos despois aínda se lembrara del. Da primeira época escolar só teño boas lembranzas, descubrindo novas experiencias na rúa, que era onde adoitabamos atoparnos a maior parte do tempo, xogando ao fútbol no campo da Condesa, ou á morte no xardín municipal, xogo no que un dos meus compañeiros era un auténtico experto, ou ao ovo, pico e araña, ao trompo, á liberdade, ás chapas, ao aro, ao hóckey cos carozos das verzas que facían de pau e unha pedra como bóla, e a sensación de «pertenza grupal», que para min era un sentimento novo.
Ao ano seguinte fixemos o exame de ingreso e comezamos o bacharelato con dúas reválidas e selectividade dende 1966 a 1974, onde compartín experiencias con amigos que aínda teño a sorte de manter, o cal evidentemente é mérito deles, e todos tivemos a honra de ter como profesores a persoas que dignificaban o seu oficio de mestre como a señorita Visi, o profesor Jesús Carracedo, ou don Julián.
Aos tres mestres lémbroos con respecto e admiración, e foi no curso de cuarto de bacharelato (1970-1971) cando o profesor Jesús Carracedo, quen se encargaba da materia de francés, fíxonos ver por primeira vez -polo menos iso foi na miña experiencia- que outro mundo mellor era posible, xa que nos permitiu que escoitaramos na clase gravacións dunha emisora de radio en francés na que non había censura, e se loitaba dende lonxe por recuperar a democracia no noso país e os dereitos fundamentais das persoas, na que participaban compatriotas que tiveron que fuxir cara o exilio. Así puidemos tomar conciencia da situación na que vivíamos, formación que completou cando xa en COU foi o noso profesor de Filosofía e de Ética, e fortaleceu o noso desenvolvemento persoal, impulsándonos a ser libres.
Da señorita Visi, profesora de literatura española, que podo dicir: non coñezo a ninguén que non a lembre con un profundo respecto e agradecemento, polo seu trato a todos os seus alumnos. Era amable, doce, cómplice, sensible, e cunha sólida formación humanística, sempre disposta a exercer o seu oficio con profesionalidade e con sensibilidade, en definitiva un exemplo de vida e de traballo.
De don Julián, profesor de Ciencias Naturais e de Bioloxía, non só foi o meu profesor senón tamén meu pai ata o seu falecemento hai seis meses. Se me permitides, non debo ser eu quen fale do seu facer como mestre, e aproveito este momento para dar as grazas, no meu nome e no da miña familia a todos os seus alumnos que me transmitiches o voso pesar polo seu falecemento.
En fin, disque un non escolle onde nace, pero si onde vive e con quen, e por iso síntome moi ledo de poder afirmar que son unha daquelas persoas que teñen a sorte de ser de Carballo dende hai 49 anos.
Quero voltar de novo
A un tempo que non existe
A un lugar que non coñezo
A un pobo que non recordo.....
Juan Carlos Díaz del Valle (18 de setembro do 1957) é psiquiatra na xerencia da xestión integrada de A Coruña, un dos vicepresidentes da Federación Galega de Ciclismo (Comisión Médica) e membro de Xocaloma.