Un can ouvea no lugar

CARBALLO

Tiña que pasar un certo tempo para que a xente se animase. Tempo directamente proporcional aos pratos consumidos, e aos vasos (do que fose) bebidos. Máis ben, o que espertaba o imaxinario común era a compaña. Non a Santa, senón a corrente. Os contos de aparicións e espíritos, os do demo metido nun corpo de can que desaparecía ao facer o sinal da cruz, o da ra que nin subía nin baixaba en San Andrés de Teixido... Estes contos non saían así porque si, había uns prolegómenos. Contábanse naquelas reunións da vida agraria nas que hoxe xa case non participan os nenos: plantar as patacas, recollelas, ensilar... Saían xa ben entrada a cea, case sempre na cea, na casa dun veciño, daquela cando aínda os nenos podiamos e tiñamos paciencia para estar nelas, ás veces cun pouco de viño con gasosa. Acompañábanos o calor da noite e non había medo porque non estabamos sós. Eran días de traballo -a algúns con menos anos que dedos tamén lles tocaba abaixar o lombo-, mais tamén de festa. Logo, eses contos contabámolos entre nós, os máis novos, con bágoas nos ollos, inconscientes. «Para, para, non quero saber máis!», diciamos. Pero queriamos. Daquelas reunións un sempre saía coa dúbida de se era real ou inventado. De se todo era imaxinación por ter cativos diante ou se realmente había cousas sen explicación. Estamos en días de Samaín, de relación un tanto lúdica coa morte, e dá magoa esquecer aqueles contos compartidos que quizais nunca máis serán contados. Os rapaces de hoxe disque teñen menos aguante. Coñecen menos a forza dun can ouveando de noite mentres entra pola nariz o fume do lugar. A aldea é un concepto da cidade.