Moito me estarrecía cando, bastante tempo atrás, chegaba alguén de fóra e se poñía a comparar o de aló co de acó. Sobre todo, costumes e usos públicos. E sobre todo, moita xente emigrada. Tiñan razón, vaia se a tiñan, pero non acaía ben que cha botasen na cara, como se tiveras algo que ver.
Os anos, ou a vellez, igual nos van levando cara o mesmo rego, a criticar aquilo que non queriamos escoitar. Aínda que ás veces é necesario. Os mundos mudaron unha chea, é certo. En actitudes, respecto á xente e ao dominio público. En leis protectoras da paisaxe e o patrimonio. En recursos para estudar, ser atendidos ou ter paraugas sociais. Institutos case en cada concello, centros de saúde en todos, aumento do nivel económico (en boa parte debido aos emigrantes). E aínda sendo todo iso verdade, as críticas que se oen case sempre van cara as Administracións e nunca cara as actitudes individuais. Pequenos grans que non fan granero, pero que axudan ao compañeiro, como di o refrán. Nos pequenos detalles é onde se examina como evoluciona unha sociedade.
Non é nada raro ir pola rúa e atoparte alguén fóra dun comercio ou dun bar fumando e que tire o pitillo ao chan, despreocupadamente. Xa limparán, ¿non? Ou percorrer algún parque infantil dun casco urbano (poñamos Carballo, pero valen doutros sitios) e achar moreas de restos de pipas, como se aquilo fosen as fabas ao sol na eira. Pasar ao lado dun atasco ou un semáforo e que o chaval ou chavala do coche do lado coa música máis alta ca das charangas, coas ventás baixas e os graves afinados. Todo fachendoso. Motos co tubo ou co carburador trucado, que seguramente descoñecen o que é un decibelio, pero que saben como xirar o acelerador para que estalen os oídos ao lado. O aumento do volume ten por norma ser inversamente proporcional ao sentidiño do que o provoca. En fin, condutores que esqueceron hai anos onde están os intermitentes, outros que lle pisan nos pasos de peóns, os que deixan latas en plena rúa...
Moito temos mellorado. Moito. Somos xa outros. Pero canto queda aínda por facer.