A mestra María

CARBALLO

Estes días, por un asunto de actualidade, volvín á infancia. Non é que teña que darlle ao reloxo moitos anos atrás para volver á nenez, pero batín con intres que tiña durmidos. Vin estas semanas ás nais de Carnés pelexando pola escola unitaria para os seus fillo. Dicía unha delas que, pedagoxicamente, era unha educación distinta, unha educación integradora, unha educación que estaba cerca. Cerca uns dos outros, nuns tempos nos que estamos lonxe. Sei tamén que hai quen cre que as escolas unitarias relegan aos nenos nun recuncho do rural e mesmo quen ten medo de que, logo, cando cheguen ao colexio, batan cunha morea de rapaces cos que non saiban integrarse. Digámolo claro: teñen medo de que vaian máis atrasados. Perdan coidado os que pensen tal cousa, pasará máis ben o contrario. Chegarán cunha carreira de fondo na que, máis ca ler ou a escribir, que tamén, terán aprendido outras cousas. Na escola unitaria de Treos tiven unha mestra que, se pasase hoxe por ela, recoñecería sen problema. O seu pelo negro, cortado sempre da mesma maneira, o seu sorriso tímido, a súa habilidade para reunir en torno a ela aos nenos. Víñanos buscar á casa no seu coche se non había que nos levase, inducíanos a buscar no libro do rapaz maior do lado cando o noso nos aburría, ensinounos a espelir a mente, a ser cobizosos do saber, a querer aprender máis. Pasados os anos, nin sequera os catedráticos da Universidade conseguiron iso comigo. Nunca esquecerei a súa cara, pero sinto mágoa porque se me foi o nome. Na memoria, dei en chamala mestra María. Nunca aprendín coma con ela.