Durante moitos anos, pero moitos, polo Nadal e polo verán, as estradas enchíanse dos coches dos emigrantes que viñan de Suíza a pasar as vacacións. Coches bos, envexables. Algúns de fachenda. Aqueles Audi 100, tamén 200, por suposto 80. Mercedes 300, incluso antes 220. Algún xaponés, deportivo cos faros escamoteados, que xa chamaba a atención na terra dos 127, os 132, os Renault 5 ou o 2CV, e así podemos seguir enumerando unha morea de cifras que forman parte da nosa memoria e das nosas pequenas viaxes.
Houbo anos nos que en todas as parroquias podía haber ata ducias de autos. E nas festas, nos bailes, nas misas, a concentración helvética era maior da que se pode ver hoxe en calquera encontro nacional de Minis, un supoñer.
Grazas a tantas matrículas, a tantos coches soñados polos emigrantes cando marchaban para atopar unha mellor vida e sobre todo poder darlla aos que quedaban, moitos fomos aprendendo os cantóns de Suíza. Sei de xente á que lle custaría facer a relación das provincias españolas, pero coñecen de sobra a división daquel país. A GE, a de Xenebra. LU, Lucerna. FR, Friburgo. BS e BL, Basilea. JU, Jura; NE, Neuchatel; ZH, Zúrich. O SO de Solothurn. E así tantos. Unhas máis que outras, dependendo da zona, así se agrupaban e aínda o fan.
Os anos pasaron e foron indo a menos. Durante moitos, a noticia era o retorno. Viñan e viñan, e aceleráronse para cobrar o segundo piar da pensión. Un erro que moitos aínda non moi vellos lamentan ben, por certo. Cada vez víanse menos coches.
Pero chegou a crise, a xente volveu marchar e, agora en agosto, polo menos neste agosto, repítense as escenas. Por suposto, non con tanta forza, pero xa lle chega ben. Cada día cruzámonos nas rúas con moitos GE, ZH, BS... Hai excepcións, pero xa non son aqueles ostentosos de antes. Vehículos normais, para momentos de dificultade nos que hai que adaptarse a todo. A emigrar, a percorrer as mesmas estradas. Máis veloces (17 horas, máis ou menos), máis seguros, pero igual de tristes ca naqueles anos.