O rexedor destaca a atracción de visitas e a promoción dunha práctica saudable
20 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.O alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo Pazos (48 anos), apostou de maneira decidida polo deporte e a cultura dende que chegou ao goberno. Esta vai ser a terceira edición do Día da Bicicleta na que participa e explica cales son as motivacións e os resultados que espera.
-¿Dentro do gran proxecto urbano de Vimianzo vai haber sitio para as bicicletas?
-O propio deseño urbano, atravesado por dúas estradas autonómicas e con rúas estreitas impide agora mesmo habilitar carrís para isto sen grandes investimentos. En calquera caso, todo o Concello, pola densidade de tráfico, que temos que non resulta elevada, é practicable en bicicleta. Outra das ideas nas que andamos, que non sei cando poderemos desenvolver, é a ruta rural por todo o Val de Vimianzo, aí si que haberá espazos moitos máis específicos.
-¿Préstase o municipio para percorrelo en dúas rodas?
-Temos moitísimos currunchos paisaxísticos, polo que claro que é unha maneira estupenda de gozar da diversidade tanto cara o lado do mar como cara ao interior. De feito, no Concello celébranse dúas actividades deste tipo como son o Duatlón de Reis e a BTT do verán, cun éxito tal que chegamos ao extremo de ter que limitar as prazas porque non damos atendido a demanda existente. Na BTT ao mellor son o dobre, porque se trata dunha ruta lúdica, pero o Duatlón é competición e debemos garantir outras condicións para que se poida desenvolver.
-¿Por que é preciso investir tantos cartos en deporte?
-O Concello de Vimianzo inviste moito en deporte porque temos: as escolas deportivas, exercicio para maiores e aeróbic en todas as parroquias, ioga, pilates, tiro con arco, baloncesto, patinaxe, baile de salón,... e o ximnasio que é un referente con público moi variado, dende o que vai facer algo de mantemento ata o que practica disciplinas moito máis esixentes. A iso hai que sumar as axudas a clubs e outras entidades. Só en fútbol temos o Soneira, o Baíñas, o Castrelo, os veteranos, as escolas e máis o Fisober de fútbol sala feminino, que é todo un orgullo para nós.
-¿Considera que o Día da Bicicleta ten capacidade para atraer a xente de fóra de Vimianzo e incrementar as visitas?
-A mellor proba é que nas dúas edicións anteriores a bicicleta que se sortea gañárona participantes de fóra de Vimianzo. Primeiro de Camariñas e, o ano pasado -que a min fíxome especial ilusión-, un rapaz saharaui que a puido levar para alá para a súa terra.
-¿Que implicación ten o persoal do Concello nisto?
-Xa se trata da terceira edición polo que é unha cita consolidada. O Concello aposta por ela e coa colaboración dos traballadores estou moi satisfeito. Sobre todo o técnico de deportes, que é o que máis traballo ten nisto, pero tamén os servizos económicos, a Secretaría e tanto a Policía Local como Protección Civil que se ocupan da seguridade.
-¿Cal é a súa experiencia persoal dos anos anteriores?
-É unha actividade especialmente divertida, na que se pode pasar unha mañá moi agradable aínda que a min paréceme máis relevante o que implica en canto a concienciación do uso da bici e de facer un pouco de deporte.