Encomendóuseme facer unha semblanza do noso amigo e membro do Padroado Fogar de Bergantiños José M. Ponte Balboa nestes momentos tan tristes.
Despois de sentarme e erguerme de diante do ordenador polo menos cinco veces en media hora, sáenme bágoas en vez de palabras, e o que me vén á mente son os centos de comentarios e lembranzas que corren polas redes desde onte á noite en que se soubo do seu pasamento.
E así predominan dous recordos xeralizados da súa persoa: o sorriso perenne de José e a súa bondade.
Pois si, acompañando a ese corpo grande, rubio, e que sempre se queimaba cos primeiros raios do sol de verán, permanece para sempre ese rictus alegre, bondadoso e acolledor que iluminaba calquera estancia.
Pero o noso Balboa tamén tiña eses prontos de ira instantánea que nun primeiro momento nos sorprendía a todos, e ao cabo dun instante se tornaban en gargalladas. Sempre risa, sempre ilusión.
Desde neno participou no movemento asociativo carballés, abarcando o mundo do deporte, da cultura, da xuventude... É un elemento importante na vida cultural, musical, deportiva e participativa dos últimos vinte e cinco anos da nosa vila.
Con calquera actividade, con calquera proxecto, o seu compromiso era absoluto. Inconformista e perfeccionista ata a exasperación, era un traballador incansable que non dubidaba en botar horas e horas ata que consideraba que o traballo era satisfactorio. O Padroado Fogar de Bergantiños, e creo que tamén se pode facer extensivo aos seus numerosos amigos, quere facer pública a súa dor, pero sobre todo a súa amizade e recoñecemento a ese amigo que nos deixou un pouco sós, e facer chegar o noso cariño a Josefa, Manolo e Mari.
Aí quedan as horas de tertulia, de ceas, de festa, de antroido, de traballo en equipo, ...Aí queda o amor dos que o recordarán por sempre.
Non sei como rematar, polo que vou apropiarme do pensamento de dúas persoas expresado hoxe, que reflexan o sentir de todos os que o queremos, e que me impactaron fondamente:
Rafael Rey: «Sin desmerecer a nadie, fue una de las mejores personas que conocí en Carballo. No estoy triste por que se fue, estoy contento por haberlo conocido».
E a dozura dos versos do noso «irmán e compañeiro» Andrés Rey: «Escoita, irmau, as miñas verbas... Vouche dicir tan só que teño a miña mau tendida, aberta, núa e viva como o mar... Non temas. Aínda o paxaro ten cancións, i as estrelas se alcenden cada noite».
No nome dos seus amigos, moitas grazas.