O dereito é de todos

Xosé Mª Arán

CARBALLO

08 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Está claro que nunha sociedade o que ten que prevalecer e o dereito duns e outros conforme ás regras que nos damos para convivir en harmonía. No tema que estamos a tratar dos establecementos de ocio está claro que o dereito que teñen os veciños que viven preto destes locais son os mesmos que os que teñen os empresarios a desenvolver a súa actividade.

Dito isto é para poder facer uso deles teñen a obriga e o deber de adaptarse á legalidade para salvagardar os seus dereitos. Se se incumpren por algunha parte pérdense estes dereitos.

O que ocorre é que moitas veces non existe este costume porque a propia Administración local mirou para outro lado e consentiu que pubs e outros locais de ocio incumprisen a normativa o que xera que os propios empresarios abusasen desta «falsa autorización» é como consecuencia incumpriron as normas na adecuación dos establecementos, o que lles leva a perder eses dereitos polas problemáticas creadas como os ruídos pero tamén outras actividades molestas na rúa, incumprimento de horarios...

Non debería ser noticia que o Concello estea a pechar establecementos ou sancionalos, xa que a calquera de nós se incumprimos as normas, sabemos que teremos unha multa ou un apercibimento. De tódolos xeitos estes feitos son noticiables porque chaman a atención. Non se facían estas inspeccións coa normalidade que tería que ser habitual. O tema non ten máis percorrido que o de cumprir a lexislación por parte daqueles que a infrinxe e facela cumprir por aqueles que teñen a obriga de facelas cumprir. Non vou salientar esta actuación por parte da Administración local, porque é a súa obriga, a de garantir que se cumpran ás normas nestes e noutros asuntos para o beneficio de todos os veciños.