En apenas tres meses, Mar de Paixón. O fútbol na Costa da Morte ronda os 800 exemplares vendidos. Por un prezo social, quen amose un mínimo de querenza polo territorio que habita, dispón dun álbum colectivo dun tempo ido. Para se informar con deleite, para conservar.
Escribímolo e sufragámolo integramente do noso peto. As loubanzas sucédense e os autores estamos moi agradecidos pola acollida. Hai concellos que entenden o valor do proxecto memorístico e adquiren exemplares para agasallo institucional e bibliotecas municipais. Como prevíamos, desenvolvimos oito presentacións ao longo da xeografía que abrangue a obra. A próxima será o vindeiro 28 na libraría A lus do candil de Arteixo da man do poeta Xulio López Valcárcel. Cada un destes actos foi unha ocasión para atoparnos sen intermediacións dixitais, lembrar o pasado rebozado de emoción e, sobre todo, pensar o futuro do fútbol amador. A mestura de idades, ideoloxías, oficios e sensibilidades que conforma unha bancada deuse cuspidiña en cada un destes espazos para o diálogo. De anécdotas a nomes senlleiros, de títulos a ausencias, de risos a laios por ver esmorecer unha actividade sociodeportiva fomos falando.
Non hai cartos nin xogadores abondos. Falta rivalidade, pero da de antes, da que se amosaba cada luns polos chivatos das tarrafas ou nas áreas. Non acude a xente ao campo nin hai recambio para as directivas xa sen folgos. Agás fabas contadas, a xeralidade dos clubs, desnortados, subsisten talvez pola imprescindible axuda municipal ou a entregada dedicación dunha persoa. E no fragor da conversa aparecen as causas que trazan un inmediato devir preocupante. Co libro pretendíamos chegar a este tipo de cuestións. Da tona do evidente aos polvos que traen estos zurros.
A merma poboacional das nosas vilas, o pernicioso da globalización, a existencia dunha maior diversidade na grella de posibilidades para o lecer, as pantallas que imantan, as malas prácticas no seo dos clubs ou as erráticas e caducas políticas deportivas locais.
Hiperlocalismo e inanición
Como se explica, se non, que a mellor infraestrutura pública existente nun municipio sexa unicamente para a práctica dun deporte, por xente nova e masculina? Ula-a equidade social? Non son chegados os tempos para redefinir políticas activas de estimulación da educación física interxeracionais e polideportivas? Cando se entenderá que o hiperlocalismo entre lugares do mesmo concello conduce á inanición por falta de recursos humanos e económicos? Acadado este punto na dialéctica entre alcaldes e seareiros, ex xogadores e autores, o silencio reflexivo anuncia o fin do acto.
Os asistentes vanse coa obra asinada, apertada ao peito que outrora levaba o escudo da seu equipo. Confesámolo. Urdimos este libro para que te sintas orgulloso da identidade que posúes, si, pero tamén para acincarte a repensar, desde a amabilidade melancólica, e escribir un futuro máis xusto e racional para a Costa da Morte.
Héctor Pose Porto é escritor e investigador na UDC