Será a lúa

Vicente de Lema

CARBALLO

Onte levei un desgusto: o mar arrebolou un cacho da Pedra de Abalar lonxe da laxa que deu lugar ao mito da Barca de Muxía. A nave da Virxe esgazada coma quen esgaza o papel dun diario. Séculos de lendas e de historias esnaquizadas pola histeria de Poseidón. Séculos e séculos respectando a roca dos grandes ritos e da noite para a mañá deixounos sen o santuario de granito. O día de Reis fendeuna, pero os nervios de aceiro que lle puxeran para que resistise o arranxo feito hai case un par de lustros aguantaron dela unhas semanas. Agora, definitivamente, o mar acabou por separalo e lanzouno do seu emprazamento.

Muxía está coma orfa. Non é para menos, o tren de temporais e cicloxéneses que atacaron o noso litoral atlántico, nada menos que oito en dous meses, converteu á Costa da Morte en centro de atención permanente. Medio mundo miraba o noso mar cos ollos arregalados cara as televisións. Foi unha sucesión continua de golpes no noso estado de ánimo, non polas imaxes apocalípticas do mar, senón polas zorregadas na nosa seguridade. Fálase de que a causa é o quentamento das correntes en chorro do Pacífico. Un vello soneirán dicíame un destes días que estamos equivocados. Que todo isto vén porque as lúas van «descompostas». Naceron dúas en xaneiro e van fóra de tempo. Deixoume lembrado que cando era cativo o can Café pasaba moitas noites ladrándolle á lúa chea, como se lle recitara poesías.