A chamada do Muíño da Agra

Moncho Gándara

CARBALLO

Son dos veciños convencidos de que a rehabilitación e posta en valor do patrimonio histórico, tanto natural coma cultural, é un dos piares importantes sobre o que se debe asentar o progreso do noso concello de Vimianzo. E neste camiño aínda nos queda moito por andar e por aprender, moito que rectificar e que mellorar, para seguir a estela do que nese sentido se está a facer polo mundo, noutros países avanzados.

O vello muíño da Agra foi, durante moitos anos, un exemplo do que non se debería facer co noso patrimonio. Recordo as palabras de Roberto Mouzo, cando, hai xa tempo, estabamos a facer o inventario dos nosos bens culturais: «Aquí tes a ficha dun muíño sentenciado á morte». E velaí estaba, en pleno casco urbano da vila, abandonado á súa sorte á mirada de todos, asediado pola maleza, coa súa longa canle inutilizada, e mesmo acosado por un transformador instalado ao seu carón... Foi considerado un auténtico estorbo, un intruso que ocupaba o espazo onde seica tiña que estar unha piscina? Era o concepto de progreso que imperaba naquel momento. Pero o que é a vida, tornaron as cousas e chegou o tempo longamente esperado. Semella que non foi inútil a resistencia de veciños, incluída a dos copropietarios, fronte aos ataques e ao perigo de perder o muíño da Agra. Hoxe, a decisión do goberno municipal de rehabilitalo e poñelo en valor vén a demostrar que outra idea de progreso é posible. Cóntanme que os veciños acoden a diario a visitar un muíño, xa en plena fase de recuperación. É, sen dúbida, a chamada da memoria, aquela chamada que nos axuda a dar cadra de onde vimos e do que fomos, do que somos e do que queremos ser.

O que onte era considerado un estorbo, un trasto inútil, abandonado e condenado a desaparecer, hoxe estase a converter nun importante espazo para o noso lecer, espazo que contribuirá a dinamizar a vila e que de seguro será un magnífico complemento dun paseo fluvial, inxustamente boicoteado en varios plenos municipais. Pero, mal que lles pese a algúns, o paseo fluvial do río de Vilar rematará chegando tamén xa que é unha obra amplamente sentida e demandada polos veciños, unha obra que nos reconciliará co río, ese patrimonio natural tan maltratado e menosprezado.

O goberno municipal manifestouse decidido a que o muíño de Agra teña unha rehabilitación completa, que volva moer. Estou seguro de que se converterá non só nun espazo para o lecer, senón tamén nun espazo para a economía. Abofé que as panaderías e hostaleiros da vila, que están consolidando unha oferta gastronómica orixinal, interesante e xa recoñecida, darán boa conta da fariña do muíño para incorporala en produtos a ofertar nos seus menús. E así será se nós queremos que sexa. Noraboa, veciños e veciñas de Vimianzo. Benvidos e benvidas á chamada do muíño.

Moncho Gándara, exconcelleiro en Vimianzo, é membro do Seminario de Estudos da Costa da Morte.