«A idea era aparcar os ideais e traballar por Cee»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Logo da ruptura do pacto que mantiñan nacionalistas e populares en Cee, a alcaldesa, Zaira Rodríguez, queda á fronte dun goberno en minoría.

-¿Como recibe a noticia?

-Sorprendida, porque viñamos de firmar un pacto entre sete persoas no que tiña que prevalecer Cee, porque era o que nos unía. A xestión que había naquel momento non nos parecía a correcta e por iso nos unimos. A idea era aparcar os ideais e traballar por Cee e por iso digo que sorprendida, porque non entendo que cambiou dende aquel día.

-Fala ANC de «inxerencia» da parte popular nas áreas de goberno que tiñan e de «utilización partidista» do goberno de Cee.

-Non entendo o goberno de Cee como compartimentos estancos. Dani tenme dito: «Zaira, lóitame pola Casa de Cultura». Iso estaba dentro das súas áreas e eu loitei e ímola rematar nesta lexislatura. A miña obriga é traer cousas para Cee, independente da área. Podería ter sido egoísta e dicir: «É a súa área, que pelexen eles». Pero unha alcaldesa non pode facer iso, porque non é lograr algo para min ou para eles, é para os veciños. A unión tiña que estar por riba de todo iso. Se eu vexo que algo se pode cumprir, teño que facelo. ¿Que neste momento Xunta e Deputación están gobernadas polo PP? Si, pero ¿e que? Eu non o vou cambiar. Non é utilización partidista, é petar en todas as portas. Ao mellor aos meus excompañeiros de goberno gustaríalles que as cousas que se lograsen fose estando na Xunta ou na Deputación Compromiso, Anova ou outros partidos, pero non é o caso. O importante era Cee, non os galardóns. Eu asumín un compromiso e a miña folla de ruta non a vou cambiar. Non é doado gobernar, o máis doado nestes momentos é ir para a oposición e criticar.

-¿Pensou no futuro goberno? ¿Que espera de ANC na oposición?

-De momento o meu goberno está en minoría e imos seguir traballando. Espero da oposición que faga gobernable o concello, polos veciños. Que apoie as cousas importantes, espero unha oposición construtiva.

-¿Veo como unha traizón?

-A min, persoalmente, non. Ao mellor ao pacto e ao pobo.

-¿Cre que isto pode estar relacionado con un posicionamento de cara ás vindeiras eleccións?

-Non sei, pode ser dadas as circunstancias de ruptura. Ao mellor agora os seus obxectivos prioritarios son outros e non traballar por Cee. Eu sigo pensando o que pensaba. Se agora lles cambiaron as ideas, terán que explicalo.