A entidade está a formar platafornas de afectados na Costa da Morte
08 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.«Nós trouxemos os cartos de Suíza, non os levamos, pero din que defraudamos»
Manuel Domínguez Rial (Cambados, 1946) é o presidente da asociación de emigrantes Marusía e celebrou varias reunións na Costa da Morte para falar do conflito das pensións. A intención é montar varias plataformas, coordenadas, para facer fronte ás sancións de Facenda e tentar que o Goberno cambie a lexislación. Manuel Domínguez pasou 7 anos en Bilbao e 23 en Suiza. Volveu a Galicia en 1994.
-¿A intención do emigrante sempre é a de retornar?
-Si, aínda que se a situación non é boa non tes máis remedio que quedar. Hai que ter claro que ningún de nós fomos pola aventura ou de turismo, senón por unha necesidade económica. Cando se soluciona un non pensa máis que na volta. O problema é cando o país que deixaches non evoluciona e cando despois de dez anos as cousas están aínda peor do que as deixaches.
-Pero moitos pasan case toda a súa vida fóra.
-Os únicos que non regresan son os que quedaron sen familia o non teñen cartos porque a cousa lles foi mal. A cuestión é que ese país no que estás non é o teu, non é o teu idioma nin a túa cultura.
-¿Por que non cotizaron polas pensións?
-Porque non sabiamos que había que facelo. Á xente que preguntou nas xestorías ou en Facenda lle dixeron que non era preciso. O problema é que nunca deron a resposta por escrito.
-¿Por que ocorreu isto?
-Porque o Estado español quere facer caixa e en lugar de facer pagar ás grandes fortunas veu enriba de nós. Viu a posibilidade de reclamar polos últimos catro anos.
-Realmente non sabían que tiñan que cotizar.
-Para nós foi unha sorpresa que nos vai saír realmente moi cara. Estamos a falar de xente que non chega a cobrar mil euros e que ten que pagar 8.000. Nós trouxemos os cartos de Suíza, non os levamos, pero din que defraudamos. Nós non somos Bárcenas, non fixemos outra cousa que traballar.
-¿Por que pensaron que non lles correspondía pagar?
-Porque o mínimo son 22.000 euros e son moi poucos os que chegan a esta cantidade. A cuestión é que no 2008 fixeron unhas modificacións polas que cando tes dous pagadores tes que tributar a partir de 11.000 euros. Tamén se percibes os cartos dun país no que non se fan as retencións. A cuestión é que agardaron ata o último momento para poder cobrar os catro anos e a sanción. Fixeron todo sen avisar. A maior parte dos emigrantes que foron ás reunións na Costa da Morte e noutros lugares dixeron que se lles informaran terían pagado, que non lles importaba. A cuestión é que agora vén todo xunto. ¿Cómo vai reunir un emigrante retornado todo eses cartos en dez días. Ademais, se queres facelo en dúas veces tes un xuro do 5 %.
-¿Cre que poderán facer algo?
-Tampouco se pensaba que os das preferentes conseguirían algo e a base de estar na rúa e de pelexar lograron que pagasen a moita xente. Isto que fixeron cos emigrantes é moi parecido, ademais tamén hai moitos afectados por eses produtos financeiros. Agora estamos a organizar plataformas e despois desenvolveremos un programa de mobilizacións. Estamos dispostos a saír á rúa tódolos días.
Manuel Domínguez Rial presidente da asociación de emigrantes marusía