Lembranza a Ben Cho Shey

Xosé Neira Vilas

CARBALLO

30 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Como sabemos, este pseudónimo de corte asiático pertence ó educador, antropólogo e escritor ourensán Xosé Ramón Fernández Oxea.

Foi durante moitos anos inspector de escolas de Toledo. Residía en Madrid, onde casou cunha moza andaluza de apelido Algarra. Tiveron unha filla que se chama Isabel.

Non recordo cando comezou a miña correspondencia con el. Inicieina eu, en Bos Aires, alá polo 1959 ou 1960. Seguímonos escribindo cando me radiquei en Cuba. Conservo del 22 cartas que van de 1961 a 1973 (publicadas hai dous anos por Galaxia, xunto con moitas máis, co título de Cartas de vellos amigos). Entre tantas outras cousas cóntame da asociación xuvenil Brais Pinto; da morte do escultor Francisco Asorey; da edición do Dicionario de Eladio Rodríguez González; da visita de Rodolfo Prada, aquel dirixente galeguista de Bos Aires; do mestre e escritor estradense Manuel García Barros; do retorno a Galicia de Blanco Amor; de Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra e Celso Emilio Ferreiro; de Luís Soto e da revista Vieiros; do seu libro Santa Marta de Moreiras (estudo dunha parroquia ourensá, premiado polo Centro Galego de Bos Aires); da revista Chan, que fundou e dirixiu Borobó en Madrid, e moitas outras cousas. Foron doce anos de vencello epistolar.

En 1972 veño a Galicia, con Anisia, e paramos dous días en Madrid. Visiteino na súa casa de Martín de los Heros, 72. Lamentaba nunha carta posterior que non puidésemos comer con el pois «os amigos falan máis e enténdese mellor coa táboa polo medio».

En 1976, de regreso a Cuba dunha das nosas viaxes, fomos ata Madrid con Isaac Díaz Pardo e Mimina, a súa muller, en coche. Alí presentaba eu, na galería Sargadelos da rúa Zurbano, a oitava edición do meu libro Memorias dun neno labrego. Presentoumo o poeta Lorenzo Varela. Estaban, entre outros, Celso Emilio Ferreiro, Laxeiro, Fariña Jamardo, Ramón de Valenzuela e, tamén, Ben Cho Shey. Foi un reencontro moi emotivo co noso vello amigo. Estaba coa súa muller, igual que os antes mencionados. Quedámonos logo nun café e falamos do posible futuro de Galicia e de España tras da morte de Franco. Contoume dos seus proxectos. Eloxiei o seu traballo acucioso na recolleita de coplas e refráns en Corme, pois enviárame á Habana por correo unha separata co texto. Faloume da súa etapa naquela vila mariñeira, do bo trato que lle deron, da espontaneidade dos homes de mar e da súa amabilidade. Moitos anos máis tarde, souben que entre os principais informantes estivera un barbeiro moi popular nesa vila e as súas fillas (poida que as primeiras barbeiras de España), unha das cales sería a nai do profesor e xadrecista de Malpica, Paco Abella, amigo meu.

Non nos vimos máis pero seguímonos escribindo. Teño os seus libros de versos e de narracións, a monografía sobre aquela parroquia de Ourense, onde exerceu como mestre, e por suposto, o seu traballo sobre literatura de tradición oral en Corme.

Amou fondamente a Galicia, á que dedicou as súas mellores enerxías como ensinante, xornalista, escritor e investigador do Seminario de Estudos Galegos. Era un galego de lei. E era, ante todo, unha boa persoa, un home de ben.