Animais con licenza para curar

mar varela CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A Asociación Andrea organiza cursos para iniciarse no mundo da asinoterapia.
A Asociación Andrea organiza cursos para iniciarse no mundo da asinoterapia. miguel villar< / span>

Cans, cabalos e asnos son os máis utilizados nas terapias asistidas

25 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Os animais non curan, pero moitas veces exercen de auténticos terapeutas de catro patas. Din os expertos que as persoas que acoden a terapias asistidas con animais (TAA) melloran o seu comportamento nun prazo breve grazas á práctica da biofilia, a necesidade dos humanos de entrar en contacto co resto de especies e a natureza.

Os animais serven para mellorar certo tipo de doenzas. A hipoterapia ou monta terapéutica aproveita os movementos tridimensionais do cabalo para estimular músculos e articulacións, polo que está especialmente indicado para persoas con lesións medulares. As Salgueiras conta con picadeiros dedicados exclusivamente a iso, pero tamén o Centro Ecuestre Pinteño (Cambre) e en Equinoterapia La Finca (Ferrol) é posible atopar este tipo de oferta.

En cambio, os ponis adoitan utilizarse con nenos autistas ou con problemas de hiperactividade. Neste caso, os animais detectan o nerviosismo do rapaz, polo que se queren acaricialo ou cepillalo, o poni apártase. Así, os terapeutas aproveitan esta reacción para que o usuario chegue a autocontrolarse.

Os outros herbívoros que se utilizan neste tipo de terapias alternativas son os asnos. Na Fundación As Salgueiras teñen firmado un convenio coa Universidade de Barcelona e a Fundación Affinity para tratar persoas con demencia senil. «Na primeira parte da sesión -explica Manuel Iglesias, xerente de Galopín- os maiores acaban segregando a chamada hormona dos mimos, que ten un efecto estimulante para o córtex cerebral. Iso conséguese peiteando ao animal. Despois desa estimulación, os terapeutas e psicólogos aproveitan para facer un circuíto con exercicios».

Ademais de Soandres, estas terapias lévanse a cabo en centros como o que a Asociación Andrea ten en Allariz, que tamén imparte cursos de especialización en terapia asistida con animais en colaboración coa Universidade de Vigo.

Na Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña teñen ampla experiencia cos cans. Colaboran dende 1998 co Centro Canino Montegatto (Oza dos Ríos). Acaban de firmar un convenio de colaboración coa Fundación María José Jove para iniciar un estudio de TAA con tres tipos de colectivos: mozos con discapacidade intelectual, persoas de entre 40 e 60 anos con dano cerebral e nenos e nais vítimas de violencia de xénero. «El perro desarrolla nuestra capacidad emocional» e segundo as razas tamén se conseguen obxectivos diferentes, di Adriana Ávila, profesora de terapia ocupacional na UDC. No outono agardan ter resultados.