«O meu centro vital sempre será Galicia»

La Voz

CARBALLO

14 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Matalobos supuxo o seu gran salto á popularidade, pero Luís Iglesia B xa é un actor curtido e polifacético.

-Aparte do teatro e da televisión tamén fai dobraxe. ¿En que medio se sinte máis cómodo?

-Iso depende máis que nada do proxecto. Á dobraxe estoulle moi agradecido porque foi a miña escola e deume a posibilidade de dedicarme ao que máis me gusta na vida, que é a interpretación. Hai 26 anos en Galicia non había escolas nin practicamente ningunha saída profesional para ser actor. A única era a dobraxe, que me acolleu e nela aprendín todo o que sei, ou unha moi boa parte dilo, e dos mellores do mundo. Tocoume dobrar desde Robert Redford a Robert de Niro, Paul Newman, Mel Gibson... centos de actores de primeira liña, e son os mellores mestres que un pode ter.

-¿Destacaría a algún deles?

-Non son nada mitómano, pero hai un ao que lle quero moito. Ao mellor hai outros que me gustan incluso máis interpretando, pero a min este tío caíame tan ben: Paul Newman. Non o coñecín persoalmente, pero as cousas que teño lido del e a súa elegancia interpretativa fan que sexa o que me gusta máis.

-Tamén traballou en series no eido estatal. ¿É máis doado dar o salto agora que hai uns anos?

-Eu nunca pensei na idea esa de dar o salto porque eu, como xa teño dito, non son un actor galego son un galego actor. Eu estaría encantado de ir traballar a Kuwait, que seguro que ademais pagan moi ben alá, pero o meu centro vital sempre será a casa e na medida en que poida quero vivir, e vivir profesionalmente, en Galicia. Aínda que si é certo que agora mesmo hai moitos actores galegos que teñen a súa base de operacións en Madrid e que traballan habitualmente alí. Eu creo que o secreto está en que aquí en moi poucos anos puxémonos as pilas moito, fíxose ficción de moi alto nivel con moi poucos medios. Os actores e actrices galegos somos moi competitivos, temos moito oficio, moita profesión, e por iso é normal que te chamen de fóra.