O intérprete cormelán aspira a dous dos galardóns María Casares
02 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Regresar á movida galega dos 80 para un musical; desmitificar o romanticismo desde o escenario xunto á Evaristo Calvo -a outra metade de Mofa e Befa-, Quico Cadaval e Piti Sanz; encarnar a un concelleiro corrupto na última película de Héctor Carré, ou axudar a transformar para a televisión un vello cuartel de Guadalaxara no Vigo dos anos da reconversión do naval... Ningún reto é demasiado para Víctor Mosqueira (Corme, 1962), que acaba de ver como dous deses proxectos lle valeron sendas nominacións aos premios María Casares: actor protagonista, por Románticos!, e secundario, por Galicia caníbal. O musical.
-¿Como se sinte un cando recibe unha dobre nominación?
-Pois contento, porque era algo que non esperaba. Primeiro dixéronme o da nominación como protagonista, polo espectáculo con Mofa e Befa, e días despois cando xa non o contaba, a de Galicia caníbal. É algo que deciden os compañeiros, así que estou moi contento, pero tamén algo sobrepasado; non facía falta tanto, cunha nominación chegábame [ri].
-¿Vese con moitas posibilidades de lograr os premios?
-A ver se levo polo menos un; que non me pase como a Antonio de la Torre, que estaba nominado a dous e non conseguiu ningún [nos pasados premios Goya]. Que che nominen xa é unha vitoria, pero espero lograr algún, aínda que o mellor premio é ter traballo e que che aplaudan.
-As nominacións son, ademais, por dous papeis moi diferentes.
-Como di a cantiga «sei cantar, sei bailar, tamén sei facer de tolo e como son fillo de probe teño que saber de todo». Ademais a min gústame variar, de feito, a pesar de estar con Mofa e Befa estes últimos anos estiven tamén co CDG [Centro Dramático Galego], porque senón abúrreste de ver sempre a mesma xente [ri].
-Pese a crise que vive o sector segue moi activo.
-Vou traballando, porque xunto con Quico [Cadaval] e Evaristo [Calvo] na nosa compañía, Excéntricas e en Mofa e Befa levamos moitos anos facéndoo -vai para 21-, temos xa un público e pódese dicir que somos das compañías máis exitosas, pero aínda así tampouco están as cousas para tirar foguetes.
-¿Como evolucionou a escena galega nesas dúas décadas?
-Fíxose moito público e acadouse un gran nivel de profesionalidade; cada vez hai máis xente preparada. Eu son dunha época na que tivemos que buscarnos a vida e facer teatro á nosa maneira, pero agora a xente tómao como algo máis profesional. Ademais, ao haber series galegas na tele a profesión de actor acadou aquí unha dignidade que antes non tiña.
-Tamén está de actualidade pola película «Personal movie».
-Así é. Estreámola o outro día e aí estou con Santi Romay, que tamén é bergantiñán, e con Miguel de Lira. Pasámolo moi ben. Normalmente non me gustan moito as estreas nin verme a min mesmo, pero quedei contento. Teño un papel moi simpático, dentro do patético que é o meu personaxe. É alguén que non existe: un concelleiro corrupto, alguén de ficción [risas].
-¿Que plans ten para o futuro?
-O domingo marcho outra vez para Madrid para gravar unha miniserie nova de Tele 5, Hermanos, ambientada nos anos 90, na reconversión industrial en Vigo, aínda que se roda en Guadalaxara. Fago de galego sindicalista, aínda que me puxeron un nome portugués, Nuno.