Fillo e neto de carniceiros de A Laracha, agora dirixe o Pazo de Baión
17 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Xavier Zas García (A Laracha, 1966) é fillo e neto de carniceiros. Seu pai, Gerardo Zas Iglesias, foi tamén concelleiro. O seu fillo é o director xeral da Adega Condes de Albarei, que ten a súa sede no coñecido Pazo de Baión, en Vilanova de Arousa. Desde o seu nacemento hai 47 anos na casa e comercio de seus avós, Xavier Zas percorreu un longo camiño.
-¿Que lembra dos seus primeiros anos en A Laracha?
-A casa dos meus avós, que tiveron unha das primeiras carnicerías en condicións que houbo entre A Coruña a Fisterra. Tamén a escola de párvulos en A Miñoteira, onde antes estaba o cuartel da Garda Civil, e aos meus primeiros mestres, don Juan e doña Manoli. Aos oito anos xa fun interno para os Salesianos de A Coruña.
-Daquela non estivo moito tempo vinculado ao municipio.
-Agora non me queda en A Laracha ningún parente directo, pero a miña familia é de alí de toda a vida. Aínda que estaba interno participei na vida social do pobo. Fun xogador do primeiro equipo do Laracha e xoguei cos xuvenís.
-Por tradición vostede tiña que ser carniceiro.
-Sí pero a idea é que unha xeración mellore a anterior en canto a formación. Por iso fixen Veterinaria en Lugo en 1984.
-Daquela non ía moi descamiñado.
-A raíz da miña formación é agroindustria, polo lado técnico e tamén empresarial. Fixen o doutorado en economía agraria e no 92 un máster en dirección de empresas no Instituto de Empresa en Madrid. Ao ano seguinte fun a Chicago cunha beca para expertos en comercio exterior na oficina da embaixada de España nos Estados Unidos e ao regresar traballei en Coren. Todos eses pasos que fun dando teñen moito que ver co feito de nacer nun pobo, vinculado a unha actividade agrogandeira como é a carnicería de carne. Todo iso xa te leva a veterinaria ou agrónomos.
-Sempre en cooperativas...
-Si. As cooperativas contribúen a fixar poboación no territorio e dan estabilidade, no sentido de que non son empresas que poidan desaparecer dun día para outro. Coa crise asistimos á venda de empresas que deixan de ser galegas, pechan ou pasan a formar parte de multinacionais.
-A que vostede dirixe é especial, xa só polo feito de comprar o Pazo de Baión.
-Cando se teñen as ideas claras e unha boa organización pódese conseguir calquera obxectivo. Nós somos un exemplo diso, porque conseguimos sacar adiante un proxecto empresarial de 20 millóns de euros. Demostramos que podemos poñer de acordo a 400 galegos. Cando están realmente convencidos poden facer iso e moitas cousas máis.
-¿Por que habendo tanta materia prima temos tan pouca industria?
-Este é un dos grandes déficits da economía de Galicia. Eu estou traballando no sector vitivinícola que é todo o contrario porque é dinámico, moi internacionalizado e que ten as ideas moi claras. Desde o primeiro momento investiu non só nunha variedade de uva como é o alvariño senón transformala e comercializala ben. Se se aplicara esta mesma filosofía de auténtica revolución agraria , que foi no seu momento a denominación de orixe Rías Baixas, ao resto de sectores dentro do agro, desde logo, non estariamos como estamos.
-¿Por que custa tanto?
-O sector agrario é un traballo a longo prazo onde realmente hai que predicar moito e lanzar mensaxes moi claras que van vinculadas a grandes liderazgos que xurden. É o caso de Eulogio Franqueira en Coren. Estanse dando pasos... No sector lácteo temos unha empresa como Feiraco que ten unha traxectoria de moitos anos e que está a dar pasos moi inportantes. Agora acaban de investir na planta de Clesa, algo que hai uns anos sería impensable. Creo que vontade hai e os dirixentes están a apostar cada vez máis pola profesionalización da xestión.
-¿Que falta?
-Esa é a pregunta do millón.
-O do millón é a resposta.
-Eu recordo xa este tipo de cuestións cando existía a antiga Leyma e se falaba do primeiro gran grupo lácteo galego. Teño a experiencia do sector vitivinícola. O que pasou é que unha serie de produtores conseguiron poñerse de acordo e marcar unhas liñas estratéxicas. Sobre todo era xente acostumada a patear mundo para buscar oportunidades. Moitas veces as solucións xurden inspirándonos en experiencias de éxito de fóra, porque está todo inventado.
-¿Que aprendeu nos Estados Unidos?
-Foi a principios dos anos 90 e era un escenario similar o actual, porque había unha crise económica case tan importante como a de agora. É parecido porque había moita xente que tiña que saír de España a buscar traballo. Para a xente formada emigrar non é un problema, é unha oportunidade. Se esa xente non se vira obrigada a saír nunca tería esa experiencia internacional, que no meu caso foi absolutamente vital para o meu traballo actual. Se a principios dos 90 en España houbera unha situación económica marabillosa eu non tería marchado a practicar temas de comercio exterior a Estados Unidos.
-¿Coñecen Galicia alí?
-Nos primeiros viaxes a Nova York chamoume a atención que en todas as tendas. Empregados surcoreanos, que son maioría, coñecían a variedade de uva e a identificaba coa España Verde.
-¿É tan grave a crise como a pintan?
-Fóra non se ve como aquí, non hai o noso pesimismo. Hai que saír para buscar oportunidades.
xavier zas garcía director xeral da adega condes de albarei
«Para a xente formada, emigrar non é un problema, é unha oportunidade»