Un patente abuso e indefensión

Xan F. Carrera

CARBALLO

Os veciños de Carballo integrados na Plataforma pola venda de maneira fraudulenta de participacións preferentes, manifestamos a nosa indignación pola indefensión á que nos vemos sometidos tanto por parte das emisoras que comercializaron estes produtos, como polas autoridades do Goberno, do Banco de España e da CNMV, que permitiron a súa comercialización.

Todos fomos intencionalmente enganados por empregados e directivos da entidades bancarias que nos venderon estes produtos complexos, abusando da confianza de ser clientes fieis, ocultándonos todo tipo de riscos que aparecían reflectidos no contrato. Dicíndonos que podiamos recuperar os cartos con tan só solicitalos con dous ou tres días de antelación, cando no contrato se recollía, coma no caso das participacións preferentes, que tiñan un carácter perpetuo. Que o capital estaba garantido, cando en realidade, non era así, xa que non tiñan o aval do Fondo de Garantía do Estado, e polo tanto o seu valor dependía das condicións do mercado, e como consecuencia, estaba exposto a perdas. E sen informarnos de que os xuros que iamos percibir estaban condicionados á existencia de beneficios da entidade.

A pesar de ser obrigatoria a entrega dun folleto informativo, para que os supostos inversores souberamos o que estabamos a adquirir, tampouco se fixo. Outra das irregularidades foi a elaboración dun test de conveniencia ou inconveniencia de comercialización das preferentes, obrigatorio a partir do 2008. Era cuberto pola propia entidade sen preguntarlles ao clientes, e logo fixeron que o asináramos como un documento máis dentro do contrato.

Todos estes enganos que nós deducimos recollendo información dos afectados, estanse a confirmar nas últimas noticias, nas que se recollen correos enviados por Caixa Galicia e Caixanova a directores e empregados das oficinas presionándoos para que venderan estes produtos e dándolles instrucións e argumentos de como convencer aos clientes para que os adquiriran.

Incluso se chegou a ameazar a empregados que se negaran a vendelos. Tamén se presionou a través de chamadas telefónicas fóra de horario de oficina a traballadores de certas zonas para pedirlles unha maior aceleración nas vendas.

Os clientes estafados somos dun variado perfil, aínda que fundamentalmente xente maior, pero tampouco se salvaron persoas máis novas ou incluso menores de idade. Todos eles aforradores. Así recadaron aforros procedentes da emigración, de pequenos empresarios, asalariados, pensionistas, indemnizacións por accidentes, de vendas de bens inmobles...

O método usado polo persoal bancario para facerse co noso diñeiro repetíase en todos os casos [...]. Ao intentaren retirar os cartos, foi cando se atoparon coas respostas evasivas ou mentiras, coa intención de darlle largas. A nosa sorpresa e indignación aínda se fixo maior cando comprobamos que as autoridades do Goberno, en vez de combater e denunciar esta actitude fraudulenta, permitían a aplicación dunha suposta quita proposta por Bruxelas, e a conversión do resto do capital en accións que non cotizan en bolsa, o que podería significar a perda de todos os aforros.

Extracto del texto leído ayer por Xan Fernández Carrera, portavoz de la plataforma.