O Nadal de Amina

La Voz

CARBALLO

Ilustración de Alejandro Leis Trillo, alumno do colexio de Vilarmide, no municipio de Muxía.
Ilustración de Alejandro Leis Trillo, alumno do colexio de Vilarmide, no municipio de Muxía.

Era a primeiros de setembro, nunha pequena aldea de Galicia chamada Outeiro. Familiares, amigos e veciños dos Ramos esperaban a súa chegada, foran recoller a Amina, unha nena que adoptaran no Perú. Pasaba un pouquiño das catro cando por fin chegaron. Todos se puxeron moi ledos ao ver baixar a súa pel cor caramelo do coche, comezaron a recibir bicos e apertas por todos lados. Amina víase moi nerviosa, agarraba moi forte a man da súa nai, coma se tivese medo de perderse entre tanta xente. Entre esa xente estaban Ana, Xan e Lois, os nenos que vivían na aldea. A máis contenta era Ana, que, a verdade, estaba un pouco farta de xogar sempre ao fútbol. Os días foron pasando e, pouco a pouco, converteuse nunha máis do grupo. Compartían xogos e aventuras e tamén algunha trastada.

Co comezo do novo curso cada día Amina descubría cousas novas que entre todos intentaban explicarlle: o samaín, o magosto... Case sempre acababan comparando os costumes dun lado e doutro do océano. Algunhas veces contáballes algún dos seus recordos.

Polas tardes á volta do colexio xuntábanse para facer as tarefas e merendar. Ese día tocáballes na casa de Amina, todo estaba disposto cando eles chegaron.

-Menuda merendola nos preparaches, Xulia, nin que fora Nadal! -exclamou Xan, o máis lambón dos catro.

-Si, ímonos poñer morados! -contestou Lois.

De súpeto, cando estaban rematando a merenda, preguntou Amina.

-Que é o Nadal?

Entón os nenos explicáronlle que o Nadal era a época do ano na que os Reis Magos e Papá Noel traían agasallos aos nenos que se portaran ben durante todo o ano: faláronlle dos agasallos, das festas, das vacacións... A verdade, iso tiña moi boa pinta.

-Eu vou pedir unha pelota de fútbol! -exclamou Xan.

-Eu quero un videoxogo novo! -dixo Lois.

-Pois eu quero unha casa de bonecas! -dicía Ana.

-E ti, Amina, que vas pedir? -preguntaron os tres nenos ao mesmo tempo.

Ela non soubo que contestar, tiña tantas cousas que aínda algunhas non sabía para que eran, como ía pedir máis?

-Non te preocupes, xa o pensarás, aínda falta moito! -dixeron os nenos.

Pola noite, cando a súa nai a arroupaba, tamén lle fixo a mesma pregunta, pero a resposta non foi a mesma, ela faloulle de decorar a casa, de poñer a árbore, o nacemento, dunha gran cea con moitas larpeiradas, turróns, chocolates...

-A ti que che gustaría cear, Amina? -preguntoulle Xulia.

Tampouco soubo que contestar, todos os días comía cousas moi ricas.

-Non te preocupes, xa o pensarás, aínda falta moito! -contestoulle a súa nai.

Era sábado pola mañá, mirou o calendario e era verdade, aínda faltaba moito, o único que tiña claro disto do Nadal é que era o 25 e aínda lle quedaban moitas cruces que facer. Ademais chovía, hoxe tiñan plans para xogar na rúa. O que ela non sabía era que a súa nai lle tiña unha sorpresa. Cando baixou almorzar había unha caixa moi grande no corredor.

-Como está chovendo imos por o nacemento, paréceche ben? -díxolle súa nai ao vela.

-Xenial! Podo chamar os meus amigos? -preguntou Amina.

Cando chegaron os nenos comezaron a poñer o nacemento, a explicarlle quen era cada personaxe, pero entón Xulia díxolle:

-Mira, Amina, esta es ti ensinándolle a figuriña do neno; estes, teu pai e mais eu, e mostroulle as figuras de Xosé e María; os pastores son todos os que te viñeron visitar. Ves? Este de aquí parece o tío Antón cando che trouxo a cabaza do samaín, este outro....

Os nenos pasaron o día buscándolle parecidos ás figuras, cantando panxoliñas, comendo doces, pero xa só quedaban tres figuriñas por colocar no nacemento: os tres Reis Magos de Oriente. E de súpeto preguntaron:

-E estes quen van ser?

-Pois se vos parece ben podedes ser vos, podédesme axudar a xuntar xoguetes, roupa e outras cousas que xa non usedes para darllas aos nenos que aínda non teñen a sorte de ter unha familia e uns amigos tan estupendos coma vos.

Os nenos aceptaron encantados, de pronto xa estaban facendo unha lista das cousas que non usaban, cando se decataron Amina mirábaos fixamente e díxolles:

-De todas as cousas que me contastes do Nadal isto é o que máis me gusta, poderlle axudar en algo a quen o necesite. Agora si entendo que é o Nadal.

Terceiro premio María Paz Varela (ceip As Revoltas)