Un bo robot

La Voz

CARBALLO

Eu son un bo robot que axuda nas tarefas da casa. Pero ninguén me quería mercar. Aínda que me rebaixaban de prezo notábanse os meus numerosos defectos: faltábame unha antena, non me funcionaba o sistema de desprazamento, perdía combustible cando traballaba nas tarefas... As outras máquinas burlábanse de min porque nunca me compraban. E así pasaban os anos e cada vez collía máis defectos.

Pero un día, o trixésimo Nadal despois de que me fabricaran, cando a tenda ía cerrar por vacacións e porque só quedaba eu na estantería, veu un home xusto antes de que fecharan. Eu non sabía a que viña porque non quedaba ningunha máquina que funcionara, pero o home miroume sorrindo e, chiscándome o ollo, dixo:

-Canto custa ese robot?

-Ese robot está rebaixado porque ten moitos defectos. Só custa 10 euros -dixo o dependente.

-Dez euros! Iso é imposible! Antes canto custaba? -dixo o señor.

-Antes custaba 328 euros -dixo o dependente.

-Quero levar ese robot que axuda nas tarefas da casa.

-Ese? Pero se está case destartalado e non se move!

Pero aínda así o home colleume e levoume con el. Para a miña sorpresa, tiña un trineo tirado por renos e levaba vestido un disfraz. Cando o quitou, resulta que era Papá Noel! Subimos ao trineo e estivemos moito tempo voando polo ceo ata que aterramos fronte a un gran edificio en Groenlandia. Entramos nel e resulta que era o seu laboratorio. Alí Papá Noel estivo traballando comigo día e noite sen descanso. Cando rematou, eu estaba aínda mellor que cando saín da fábrica. Papá Noel díxome:

-Agora es un robot do Nadal e á parte de que funcionas á perfección tamén podes voar, cociñar, teletransportarte... Todo o que ti queiras facer!

-Moitas grazas, Papá Noel! Que queres a cambio? -pregunteille.

-Só quero que me axudes todos os anos a empaquetar os regalos e repartilos.

Eu aceptei e fun con el ata o edificio do lado, a fábrica de regalos. E empaqueteinos. Despois fun repartilos con Papá Noel polo mundo enteiro.

E así vivín felizmente durante anos e máis anos.

Espero que esta historia vos guste porque está escrita co meu novo láser robótico da escritura.

Mención Especial Xairo Campos Blanco (CEIP Canosa-Rus)