«O futuro dirao, pero non podemos poñernos teitos»

Cristina Abelleira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Alberto Sueiro, co Pazo da Cultura, escenario do FIOT, ao fondo.
Alberto Sueiro, co Pazo da Cultura, escenario do FIOT, ao fondo. josé manuel casal< / span>

Alberto Sueiro, presidente da asociación Telón e Aparte, destaca a progresión do FIOT

28 oct 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Alberto Sueiro Pastoriza forma parte do FIOT dende a súa primeira edición, cando aínda non levaba o adxectivo de internacional e poucos pensaban que o festival acadaría a súa sona actual.

-¿Como definiría a evolución do FIOT?

-Eu creo que foi unha evolución a mellor. Empezamos sendo unha semana de teatro, cunha dimensión moi local, e agora temos un festival moi consolidado a nivel nacional e que dentro de Galicia xa é unha referencia. Quizá permanecer durante 21 un anos, e permanecer así, con esta evolución, xa é un éxito.

-Malia terse convertido nese referente galego, segue a ser un festival moi local en canto ao público.

-Si. O festival ten dous condicionantes: un é o propio espazo, relativamente pequeno para os espectáculos que se programan, e outro é que ao mellor non conseguiu aínda esa dinámica, tan en boga agora, de turismo cultural, aínda que se van dando pasos. Este ano, ao saber quen compra as entradas e facerse por unha plataforma de tipo máis universal, podemos saber que o público xa non é tan local. E tamén empeza a haber outro tipo de iniciativas que fan que pouco a pouco se vaia incorporando á dinámica do pobo. Por exemplo, un restaurante decidiu crear durante este mes un menú FIOT. O cal quere dicir que pouco a pouco se van creando as condicións necesarias para que pouco a pouco tamén xere economía, e probablemente fixera falta algunha iniciativa de tipo político que identificase este evento como unha posible palanca de desenvolvemento turístico, que creo que neste momento ten a suficiente entidade para selo.

-Unha das polémicas que se repiten cada ano é a da capacidade do auditorio. ¿Realmente queda pequeno?

-Ese é un vello debate. O auditorio non está construído exclusivamente para o FIOT, e tamén é verdade que en moi poucas ocasións se queda pequeno. Pero eu creo que a dimensión, en xeral, para o conxunto de actividades que se fan en Carballo segue sendo axeitada.

-¿Como vai ser posible superar o listón deste ano?

-Pois igual que o ano pasado: poñéndonos a traballar pronto, continuando coa dinámica de ir a moitos festivais, de seguir reforzando as relacións coas compañías e convencéndoas de que vir a Carballo é unha boa opción tamén para eles. Este ano, por exemplo, foi a propia Carmen Machi a que viu a importancia de vir en outubro a Carballo. Entón, non se trata de superar a edición anterior, senón de permanecer, de conseguir manter un nivel de calidade alto, e iso dependerá basicamente do financiamento, pero tamén dese outro conxunto de cousas que están aí. O futuro dirao, pero non podemos poñernos teitos.

Alberto Sueiro presidente de telón e aparte