As enquisas na Galería prognostican un aumento máis que considerable da abstención. Xa sei que non somos tan importantes como o CIS, nin o DYM, nin o instituto Sondaxe, pero as indagacións que, entre caña ou café realizamos en plan radio macuto na barra do bar, anuncian un clarísimo aumento da porcentaxe de poboación que nin se molestará en achegarse ao colexio electoral para exercer o seu dereito libre e democrático.
Podo pois dicir e digo que moi pouca xente vai ir votar e que despois de ducia e media de enquisas realizadas a diferentes clientes nunha horquilla que vai desde os máis cafeteiros, ata os máis pufentos, pasando polos bebedores de Rioxa, aquí non van ir votar nin os arxentinos, que xa é dicir.
Unha mágoa, xa o sei, pero as sondaxes son as sondaxes e éche o que hai. Claro que despois, á hora da verdade, vai ti saber se non se lle da á xente por votar polo Mario Conde, ou por outros partidos tan coñecidos como Converxencia 21, EQUO, Hartos.org ou a Democracia Ourensana por exemplo. Quen di que non poden constituír unha boa alternativa ante os outros partidos oficialistas que tan ben nos gobernan.
De todos xeitos, votar hai que votar, é o dereito que temos. ¿Como imos saír da crise se non? Ademais, aínda que pareza que non, se non votas pódenche pasar algunhas desafortunadas cousas. Hai un par de días viña eu da piscina municipal de Cee, e Rubén, un mozo de San Martiño, como sabe que non teño coche nin carné, tróuxome para Fisterra. O rapaz, que andará polos 26 anos, díxome que se tivera traballo «polo carallo» ía vir ao ximnasio. En principio non o entendín, pero cando me dixo que era albanel caín da burra. Viñemos parolando e saíu o tema das eleccións, así que lle preguntei se ía ir votar. «Nunca votei, pero este ano teño que votar como sexa».
-¿E logo?, pregunteille con moita curiosidade.
-É que aí atrás fun pedir traballo ao Concello e dixéronme que estaba na lista de non votantes, respondeu.
Manda truco, pensei eu. Se che dá unha cagarría o día das votacións escusas de ir pedir traballo ao Axuntamento.
Ben mirado, se non votas e che botan nunha lista «máis ou menos negra», que non che farán entón se che toca ir nunha mesa electoral e négaste a ir. Aí xa non sei. O que si sei é que a outro meu amigo tocoulle e non ten ningunha janiña de ir. Non é que se negue, pero di que agora que está xubilado xa non está para eses trotes, así que empezou cos trámites para que o eximan de tan cívica actividade, pero están facéndolle dar máis voltas que un tiovivo nas festas do Cristo. Xa lle chegou unha notificación dicíndolle que estaba exento.
O meu amigo quedou tranquilo, pero aos catro días apareceulle a carteira cunha carta na que se lle solicitaba un certificado médico. Lichi, que é como se chama o meu amigo, non gaña para voltas nestes tiovivos, indo e vindo a Corcubión, pero vaino conseguir. Que vaia outro, que el xa traballou abondo. Ten máis razón que un xubilado indignado na Porta do Sol.
Non sei por que complican tanto as cousas. Co fácil que sería ir á xunta electoral e levar o seu propio substituto. Mira ti que cousa tan sinxela que levara ao Rubén para que o suplira. Seguro que non se negaba e ademais gañaría 60 ou 70 euros, que disque é o que pagan.
¡Ai! Que tan embarulladiñas fan as cousas! Se as simplificaran un pouco, ¡saiamos desta crise botando chispas!
En fin. O conto é que non sei o que pasaría se se dera un 100 % de abstención. Supoño que nos meterían a todos na lista negra de non votantes. ¿E que? Seguiríamos igual que xa se arranxarían eles.
E, por certo, que non nos metan tanto medo con estas cousas, que unha vez estando eu de presidente dunha mesa colóuseme o voto dunha moza fermosa que non estaba no censo e xa había algún interventor que dicía que me ían levar ao caldeiro. Non pasou nada de nada, pero o mellor foi que non me volveron a chamar nunca.