«O Día da Bicicleta é xa unha cita imprescindible»

R. R. V. / M. V. M. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Participa no percorrido dende hai dez anos, xa que el impulsou a iniciativa cando era concelleiro de Deportes

11 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Confesa o que todo o mundo sabe xa, que o seu deporte favorito é o fútbol, pero rapidamente engade que tamén lle gusta, e moito, a bicicleta. Por iso, e a pesar de que se está a recuperar dunha lesión, o asesor fiscal Fernando Couto García (Cerqueda, 1960), xerente de Asfeco & Asesores, fará o imposible para participar este domingo na décima edición do Día da Bicicleta, que organizan La Voz de Galicia e Radio Voz. Unha cita que, por certo, axudou a pór en marcha cando era concelleiro de Deportes. Dende entón, di, non perde nin unha.

-¿Que leva a unha asesoría fiscal a apoiar unha iniciativa coma a do Día da Bici?

-A min persoalmente sempre me gustaron todos os deportes. O que máis me gusta é o fútbol, pero hai dez anos, cando comezou o Día da Bicicleta en Malpica, eu era o concelleiro de Deportes, así que desde o principio sentinme moi ligado a esta iniciativa. Desde o primeiro momento gustoume a idea e por iso cando deixei de ser concelleiro tiven claro que tiña que seguir apoiando a xornada.

-¿Como cambiou a cita nestes dez anos?

-O Día da Bicicleta xa é algo tradicional en Malpica, unha data totalmente implantada e imprescindible na que cada vez participa máis xente. A todo o mundo lle gusta todos os que participan quedan moi contentos cos percorridos elixidos.

-¿Animarase a pedalear cos participantes?

-Espero poder ir, a pesar de que teño unha man un pouquiño esmagada, pero espero recuperarme de aquí ao domingo, xa que sería a primeira vez que non fora e non me gustaría nada perderme a décima edición do Día da Bicicleta. Teño moitas gañas de ir xunto aos Zeppelins, que son os que sempre tiran do pelotón.

-Haberá que cruzar os dedos para que non chova.

-As previsións son moi boas para gozar dun paseo en bicicleta, porque din que non haberá un tempo moi caloroso e tampouco choverá. Será un día estupendo para facer o percorrido programado.

-Así que non hai escusa e haberá que ir preparando a bicicleta mailo casco.

-Iso está claro, a min desta vez non me vai coller o touro porque xa o teño todo listo. Estou desexando que chegue o domingo, porque será unha oportunidade única para gozar da paisaxe de Malpica e, ao mesmo tempo, facer deporte.

fernando couto garcía xerente de asfeco & asesores