Un ano máis de discordia

Xosé Mª Arán

CARBALLO

03 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Un ano máis chega a hora de escolarizar aos nenos e nenas do municipio e, coma sempre, xorden os problemas.

Tras a súa aprobación polo Consello Escolar Municipal e a Administración educativa, púxose por fin en marcha este ano a nova zonificación, o que fará que a repartición de alumnos se faga dunha forma máis coherente: o CEIP San Luís Romero con novas rúas e o CEIP A Cristina con menos, e tamén unha mellor redistribución das zonas de influencia do CEIP Bergantiños e do Fogar. E a isto hai que sumarlle que aos rapaces de Berdillo e Artes tocaralles o CEIP Gándara-Sofán.

Así e todo, tardará aínda uns cursos en normalizarse a cousa, xa que, como a lei favorece a libre elección de centro, seguro que algúns pais optarán por levar aos seus fillos de tres anos ao colexio dos seus irmáns, xa que por este motivo teñen puntos.

Outro tema é o dos nenos e nenas que non accederon aos tres anos ao seu centro de referencia e foron para as escolas infantís ou quedaron na casa, e agora toca o momento de escolarizalos nun centro de primaria.

E se todo isto fora pouco, o total de prazas dispoñibles nos colexios non son suficientes para atender todas as solicitudes recibidas, o que supón que terán que habilitarse máis aulas.

É o problema de sempre a estas alturas do curso, ano tras ano, e se lle sumamos que as obras de ampliación do CEIP Bergantiños está sen facer, está claro que outro ano máis a comisión de escolarización terá un traballo extra para contentar a todos e todas. E xa adianto agora que o resultado para os que non teñan praza non vai ser do gusto de todos.