«Agora soamente collo os percebes cando están no prato»

Isidoro Valerio
Isidoro Valerio A CORUÑA / LA VOZ

CARBALLO

O artista cormelán aposta por novas caras na serie

11 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Suso Lista está de moda grazas a súa interpretación na serie Para mariñeiros, nós, que emite V Televisión. Expercebeiro de profesión, o artista cormelán estivo no programa de Radio Voz Voces de Galicia para dar unha pincelada a súa vida e anunciar a presenza de novos personaxes para esta campaña.

-De percebeiro a home multimedia.

-Pois si. Dediquei 24 anos da miña vida ao percebe, unha actividade que deixei fará un par de anos máis ou menos. Tamén estiven un tempo enrolado na mariña mercante, pero diso tiña eu 16 anos.

-Sendo un home do Atlántico reivindica con forza a canción «Mediterráneo», de Joan Manuel Serrat.

-Estiven nun internado en Valencia aos 10 anos e iso marcou un pouco a miña existencia. Creo que esta canción ten moito en común coa miña forma de ser, se exceptuamos o tema do viño. Eu prefiro o sol e sombra [sorríe].

-Plantéxase volver algún día ao percebe.

-Nunca máis. Como vaia mal a serie tería que volver ao arame, pero sen rede. Iso si, a etapa de percebeiro está esquecida. Agora soamente collo os percebes cando están no prato.

-¿Como entrou no mundo da interpretación?

-Foi grazas a Antón Reixa, quen visitou Corme para facer un cásting para a serie Mareas Vivas. A xente animoume a facer unha proba e alí estiven dez minutos contando cousas. Posteriormente, acudín a clases de interpretación en A Coruña para mellorar a técnica interpretativa e comecei, xunto con Cobiñas, a facer guións e colgalos en YouTube.

-Moito cambiaron as cousas dende entón.

-Pasamos de facer tres ou catro guións ao ano a uns 300. A verdade é que non sei como a miña cabeza pode discorrer tanto.

-¿Quen lle diría que acabaría no mundo da interpretación?

-Eu son dos que non teñen avoa. Senón estivera en Hollywood estaría en Bollywood, na India facendo algunha cousa das miñas.

-O seu papel en «Celda 211», catapultouno á fama.

-Traballar con xente como Luis Tosar axudou moito, pero o éxito e a repercusión mediática da película foi maior do esperado.

-«Para mariñeiros, nós» aposta polas caras novas.

-Comezamos con Jorge Mira e na última temporada pasaron Silvia Penide, Xurxo Souto e Rosa Cedrón. Creo que está a funcionar moi ben esta forma de traballar e seguiremos así.

suso Lista protagonista y guionista de «para mariñeiros, nós»