«Un 99% dos veciños colaboran coa festa»

P. VÁZQUEZ

CARBALLO

Anima á xente a desprazarse ao lugar, que estes días é «moi divertido»

06 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

? María Dolores Rama Periscal, á que todo o mundo en Sofán coñece como Lolita, é a presidenta da asociación de veciños San Salvador, que se encarga da organización das festas da parroquia.

-¿Todo listo?

-Estamos cos últimos preparativos no campo da festa, como a iluminación e a taberna.

-¿É difícil sacar adiante unhas festas nestes tempos?

-Si, bastante difícil. Ao que máis medo lle temos é ao botellón entre a xente nova. Ademais, as orquestras subiron o seu presuposto a pesares da crise, son carísimas. Traemos boas orquestras, polo que o presuposto anda preto dos 40.000 euros. O problema é que a xente quere traer grupos de música decentes e pagar pouco, pero o que non saben é que todo o que nos fai falta para sacar adiante a festa sobe de prezo.

-¿Os veciños da parroquia son festeiros?

-A xente é moi festeira e, ademais, podo dicir que un 99 por cento colabora economicamente coa festa. Sempre hai ese un por cento que non, o típico de sempre.

-¿Que tipo de público é o maioritario?

-Hai de todo, pero a partir dunha hora determinada da mañá só queda xente nova.

-¿Que hai de novo na organización deste ano?

-Ademais de que somos unha directiva nova, este ano teremos como novidade a discoteca móbil, e o domingo á tarde haberá unha gran exhibición de doma cabalar.

-¿Algunha mensaxe para que a xente se anime?

-Animar a que todo o mundo se achegue ata Sofán, que é moi divertido en festas. O luns a verbena correrá a cargo da Panorama, unha orquestra que arrastra a moito público.