Hai uns días fomos ao Pazo da Cultura de Carballo á inauguración da exposición de creadores de Carballo chamada A Beleza.
Fomos invitados por Milagros Cotelo Rama, unha artista minusválida que só move un pouco as mans, o suficiente para facer verdadeiras obras de arte (se ides á exposición, fixádevos no seu cadro, Xestos).
Despois dos discursos estiven a falar con Milagros e falando con ela achegóusenos Gema Paz, a eterna mestra de ximnasia do instituto Alfredo Brañas dende a súa inauguración. Estivemos lembrando a alumnos, mestres e algunha que outra anécdota de aqueles primeiros anos. Non puiden facer a menos de contarlle esta: estabamos na clase no último andar. Suso Maquinaria estaba sentado a carón da ventá, diante. Atrás estaban Borrazás e Calvete, tirando pola ventá camisetas de ximnasia doutros compañeiros. Suso Maquinaria mirou para fóra e dixo: «¡Hostia, unha camiseta do Madrid!» Dalí a pouco: «¡Outra camiseta do Madrid voando!» E dalí a nada: «¡Hostia unha camiseta do Barcelona!» Antes de que a camiseta chegara ao tocadiscos de Gema, Suso decatouse que el era o único do Barcelona da clase. Gema estaba coas nenas ensaiando muiñeiras para a festa de fin de curso e a camiseta liouse co vinilo. A camiseta foi arrestada de por vida e tivemos que comprarlle outra camiseta a Suso. Comprámoslla do Deportivo.
Gema, fixándose na miña dona e en min dixo: «Vós xa erades parella daquela, quere dicir que o instituto uniuvos». Eu contesteille: «Non, non e non, eu non fun ao instituto a estudar, eu fun ao instituto a coñecer á miña dona».
Xa coa confianza collida a Gema atrevinme a dicirlle: «¡Gema!, Milagros será unha das poucas de Carballo que non foi túa alumna». Non pensedes que é unha broma de mal gusto, pois se coñecedes a Milagros saberedes que aínda non parou de rir, e roubar risos e sorrisos é a miña debilidade.
E así entre anécdotas fomos vendo a exposición. Non me pidades opinión, pois non che son crítico de arte, e nin sequera son de Artes, pois vivo en Sofán. Só se me ocorre un apunte: ¡A Beleza non para!