A última xornada formativa sobre As campás na literatura tivo tamén badaladas, pero foron as da igrexa de san Tirso de Cospindo. O escritor Xabier P. Docampo dirixiu un obradoiro de creatividade cos inscritos na actividade. Tamén participou o fotógrafo Dani Puente, que foi o encargado da imaxe, porque os textos que crearon de forma conxunta na sede da Fundación Eduardo Pondal tiña case tantas letras como instantáneas.
Empezou o percorrido pola campá de Cospindo, aínda que a base de todo o traballo foi A campana de Anllóns, de Pondal, que cumpre os seus primeiros 150 anos. Foi este poema o que fixo de fío condutor das actividades para mestres das FestiLetras deste ano.
Os participantes subiron ao campanario, fixeron fotos alí e acolá e despois volveron a sede da Fundación para verter sensacións e ideas no papel.
Poucas regras houbo, pero algunhas fundamentais. A principal para Xabier Docampo é non tomar por parvo ao lector. Insistiu en evitar cousas como dicir noite escura, porque está claro que se é noite non hai luz, ou describir a un personaxe dicindo que levaba un sombreiro na cabeza. Neste caso é o lugar máis normal para levalo, polo que o dato non ten ningunha importancia.
Regras
Para Docampo estas regras son importantes e así o fixo saber. Con experiencia tamén dirixiu aos mestres convertidos en alumnos á hora de atopar unha palabra para unha imaxe e sumalas ata facer un conto ou un poema. As dúas cousas se dedicaron onte en O Couto, aínda que o coñecemento de Xabier Docampo vai máis dirixido a narrativa que á lírica tamén houbo tempo de versos. O escritor recoñeceu que é lector de poesía e autor de historias.
Co obradoiro pecháronse as xornadas polas que os participantes conseguiron un crédito de dez horas lectivas.