«Reducir o uso do coche sería responsable»

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Este experto en psicoloxía medioambiental estuda o comportamento humano en relación coa natureza

13 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

As persoas comportámonos de diferente xeito. Iso tamén se pode levar ao eido do medio ambiente. A psicoloxía ambiental é a especialidade que se encarga de estudalo. Ricardo García Mira, doutor en psicoloxía pola Universidade de Santiago e profesor desta especializade na de A Coruña, impartiu clases en moitos lugares do mundo.

-¿Que diferenzas e semellanzas hai entre Galicia e outros países no comportamento medioambiental?

-Non moitas. Hai diferenzas en educación. Por exemplo, en Escandinavia e Holanda teñen en marcha programas que implican mellor á poboación e saben motivar o seu comportamento en cuestións como a separación de residuos ou a implicación fronte a desastres como as do Prestige ou os incendios.

-¿Co medio ambiente por que dicimos unhas cousas e logo facemos outras?

-A nosa conciencia ecolóxica é alta, segundo as enquisas que facemos. Cambiou, mellorou. Pero tamén é certo que o comportamento non vai nesa mesma dirección porque se ven influídos por outros factores que inciden e que fan que os nosos valores sexan contraditorios coa nosa conduta. Unha conduta reponsable ecolóxicamente sería reducir o uso do coche, pero os nosos estilos de vida camiñan na dirección de usalo cada vez máis. As institucións deberían inducir a unha política de desprazamento responsable baseada no transporte público.

-¿Por que na mesma sociedade hai xente cunha conciencia máis ecolóxica ca outra?

-Hai persoas máis receptivas ás mensaxes porque tiveron unha educación máis axeitada. É unha dimensión fundamental do comportamento humano e da asunción dos valores de respecto e solidariedade coas outras persoas e co entorno. O entorno hai que camiñalo, vivilo, hai que entrar en contacto coa natureza e darlle valor ao que temos.

ricardo garcía mira doutor en psicoloxía pola usc