José Luis Fondo sigue á perfección o manual do perfecto cacique. Chegou á alcaldía cunha moción de censura a golpe de talonario, e o noso concello leva case 20 anos pagando a factura deses tratos, na forma de onerosas dedicacións exclusivas non xustificadas para un Concello de 6.300 habitantes.
Por iso Fondo non o pensou dúas veces cando hai cinco anos viu que un rapaz nacionalista de Corme lle daba problemas nos plenos. É inxusto falar de Rey como unha persoa sen escrúpulos por pasarse do BNG ao PP por un posto de traballo fixo no Concello, polo menos sen coñecelo en persoa. O importante para o público é saber o prezo que tivo que pagar Corme por eses tratos. Aparte dos 29.000 euros ao ano do seu contrato de asesoría persoal do alcalde, temos que ver o que perdeu Corme.
Aquí o mellor é botar man das hemerotecas. Segundo os recortes da prensa dos anos 2000 a 2005, Óscar Rey Calo bramaba contra Fondo por desatender a conservación da Pedra da Serpe e a restauración da aldea de Roncudo. Hoxe a Pedra segue como estivo sempre, no máis lamentable dos esquecementos, e a metade da aldea do Roncudo quedou sen protección costeira polo POL, pero ninguén dixo nada. Mesmo parece que a función de Óscar Rey na directiva da asociación Eduardo Pondal sexa disolver o carácter reivindicativo que sempre caracterizou á entidade. ¿Acaso non importa que Corme quedara sen a Casa de Cultura de 1,5 millóns de euros que o alcalde prometeu na web do PP? Por iso todos entenden que a defensa de Óscar dunha marquesiña de 200.000 euros para Corme, mal colocada e cunha plataforma que estorba, cando as necesidades básicas de Corme están sen cubrir, é só unha defensa da man que lle dá de comer. Que Óscar Rey figure na lista do PP de Ponteceso sería unha mala nova se o PP non fose perder as eleccións, porque iso suporía unha dedicación exclusiva máis nun concello que está na ruína, con sete concelleiros cobrando, tres deles con dedicación exclusiva. Porque nós non imos na lista do PSOE de Ponteceso para que gañen os concelleiros, imos para que gañe Ponteceso.